Unha borrasca entrou en Galicia este venres traendo consigo auga e un notable descenso das temperaturas, tanto así que o sábado, en pleno mes de maio, incluso podería nevar a partir dos 1.000 metros na montaña de Lugo e Ourense.
E é que para a xornada sabatina agárdase a entrada de aire frío. A previsión apunta a ceos anubrados e chuvascos intermitentes, que poderán caer acompañados de saraiba e neve por riba dos mil metros ao principio do día na montaña de Lugo e Ourense, subindo a cota ata os 1.200 - 1.400 metros xa pola tarde.
A semana rematará cunha lixeira mexoría, xa que o domingo Galicia estará nunha situación intermedia entre o anticiclón das Azores e unha borrasca localizada preto de Irlanda.
Agárdanse para esa xornada ceos moi anubrados e algunha precipitación feble, máis probable na metade norte. As temperaturas non terán cambios moi significativos e continuarán a ser baixas para esta época do ano, con máximas que non pasarán dos 15 graos nas cidades galegas, agás en Ourense, onde poden chegar aos 19.