O actor Javier Bardem pediu este luns ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, que lidere na Unión Europea un procedemento de repartición dos migrantes que se atopan a bordo do buque español Open Arms entre os distintos países europeos.
Nun vídeo no que expresa o seu apoio aos cooperantes e ás persoas rescatadas do barco, Bardem fixo un chamamento "urxente" a Sánchez para liderar ese procedemento e faga un traballo que estea "acorde á dignidade e a ética humana que Open Arms representa como organización española no resto do mundo".
Un total de 151 inmigrantes, ademais da tripulación, atópanse no buque á espera de desembarcar nun porto seguro once días despois de que se producise o primeiro rescate.
🔴#JavierBardem se une a nuestra voz.
— Open Arms (@openarms_fund) August 12, 2019
Por humanidad, por ética, por la dignidad humana. Por todo ello#PuertoSeguroYa
Mil gracias, Javier ❤️ pic.twitter.com/SJ4RiPf9pu
A xuízo do actor, "España é o país idóneo e xusto" para esa tarefa por ser o país de orixe desta organización "que tan extraordinario traballo está a facer pola dignidade humana, por salvar as vidas de persoas que están a fuxir de situacións que non podemos nin imaxinar co único afán de poder sobrevivir e darlle un futuro ás súas familias, aos seus fillos".
O domingo tamén os actores españois Penélope Cruz e Antonio Banderas pronunciáronse sobre a situación que atravesa o Open Arms.
Mentres Cruz pediu a través de Instagram un "porto seguro xa" para o buque de rescate, Banderas cualificou de horror "esta situación: "Hai solucións posibles nos temas, ía dicir de África pero son en realidade problemas de norte a sur", dixo.
O deportista Marc Gasol, o pianista James Rhodes e o xornalista Juan Ramón Lucas tamén se manifestaron sobre este asunto e mostraron o seu apoio ao labor do buque de rescate español.
Ademais, o actor estadounidense Richard Gere acudiu o pasado venres coa súa propia embarcación cargado de víveres para aliviar a situación dos inmigrantes que se atopan a bordo do Open Arms.