Brasil confirmou 1.239 novas mortes por coronavirus nas últimas 24 horas, co que o total de falecidos chega a 40.919, mentres que os infectados superan xa os 800.000, atendendo aos datos divulgados este xoves polo Ministerio de Saúde.
De acordo co boletín, o xigante suramericano, un dos epicentros da pandemia, volveu rexistrar máis de 1.000 mortos diarios, ademais de contabilizar 30.412 novos contaxios nas últimas 24 horas, o que eleva o número total de casos a 802.828.
Os números confirman o acelerado ritmo de propagación da Covid-19 en Brasil, o segundo país do mundo con máis contaxiados, tras Estados Unidos, e que se achega á segunda posición tamén en número de mortos, actualmente ocupada polo Reino Unido.
Brasil é xa o segundo país do mundo con máis contaxiados e achégase a esa posición en falecementos
Segundo o ministerio, 416.314 pacientes positivos de Covid-19 seguen con acompañamento médico, mentres que 345.595 persoas xa están recuperadas. A rexión nordeste, conformada por nove dos 27 estados do país, confirmouse como a que ten máis casos de coronavirus, ao alcanzar 284.127 infectados e 12.998 decesos. Con todo, o sueste brasileiro segue liderando en número de mortes e contabiliza uns 281.000 contaxiados e 18.901 falecidos.
O estado São Paulo, o máis populoso do país cuns 46 millóns de habitantes e epicentro da pandemia en Brasil, superou este xoves a barreira simbólica dos 10.000 mortos, nuns momentos en que prosegue coa desescalada e reapertura de diversas actividades.
Rio de Janeiro, tamén no sueste, é o segundo estado máis golpeado polo coronavirus, con 7.363 falecidos e máis de 75.000 casos, seguido de Ceará, no nordeste, que ten 4.663 decesos e uns 74.000 infectados.
CONTINÚA A DESESCALADA. A pesar da crecente propagación do novo coronavirus en Brasil, varios estados e cidades continúan co proceso de desescalada e, este xoves, São Paulo e Rio de Janeiro, dúas das principais capitais do país, reabriron os seus centros comerciais.
A flexibilización das corentenas en practicamente todo o país desatou críticas por parte de expertos e científicos, que alertan de que o pico da curva de contagios aínda non chegou e que a rede pública de saúde de varias rexións corre o risco de colapsar debido á falta de camas de coidados intensivos.