
O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, animou as mulleres do seu país a ter seis fillos para favorecer "a patria", unha cifra amplamente por enriba da actual taxa de natalidade, que, segundo o Banco Mundial, rolda os 2,2 fillos por muller.
Maduro encabezou este mércores a presentación do Plan de Parto Humanizado, un sistema de cursos que incluso propuxo transmitir pola televisión estatal e a través das redes sociais. "Non sabemos utilizar os grandes medios masivos para masificar a nosa filosofía humanista e eles si o saben facer para meter medo", afirmou, nunha alusión velada a políticos e gobernos rivais.
Durante a presentación da nova iniciativa, Maduro intercambiou unhas palabras cunha muller embarazada do seu sexto fillo, algo que o presidente celebrou especialmente, por considerar que "o máis importante que ten o país son as súas mulleres embarazadas". "¡A parir!", dixo.
O presidente propuxo que o parto humanizado se inclúa no currículo educativo, para que nenos e adolescentes reciban formación respecto diso en colexios e institutos, segundo medios estatais.