A cadea de televisión CBS pagará 9,5 millóns de dólares á actriz estadounidense Eliza Dushku, que denunciara ser obxecto de acoso cando participaba na serie "Bull", informou o diario The New York Times.
Dushku, coñecida polo seu papel na serie " Buffy, a cazavampiros", asinara un contrato para traballar en tres episodios da serie "Bull", coa opción de converterse nunha das actrices habituais.
Segundo conta o xornal, a actriz denunciou ser despedida por reprochar ao actor estrela da serie, Michael Weatherly, por comentarios "incómodos".
Segundo relata o diario, diante do equipo da serie "Bull", Weatherly fixo a Dushku un comentario sobre a súa aparencia, outro sobre un trío e unha broma dunha violación.
A actriz, de 37 anos, denunciou que tras enfrontarse ao actor polas súas palabras fora expulsada da serie e consideraba que o seu despedimento fora en represalia pola súa actitude.
O New York Times asegurou que tras a mediación da canle, a compañía aceptou un acordo confidencial polo cal lle pagará 9,5 millóns de dólares, aproximadamente o equivalente ao que gañase actuando catro tempadas na serie televisiva.
Pola súa banda, CBS confirmou que se alcanzou un acordo e prometeu mellorar as condicións de traballo.
"As acusacións de Dushku son un exemplo de que, aínda que seguimos comprometidos cunha cultura definida por un lugar de traballo seguro, inclusivo e respectuoso, a nosa meta está aínda lonxe de ser lograda", dixo a cadea nun comunicado.