Expertos analizan a pegada do Camiño en apelidos, nomes propios e topónimos

O Museo de Pontevedra reuniu a especialistas de distintos ámbitos que profundaron na onomástica da ruta xacobea
MUSEO DE PONTEVEDRA_ Inauguracion do encontro sobre onomastica da Real Academia Galega_ Co presidente da Real Academia Galega_ Victor F_ Freixanes_ e a deputada de Lingua da Deputacion de Pontevedra_ Maria Ortega Inarrea_ o director do Museo de Ponte
photo_camera Inauguración do encontro sobre onomastica no Camiño. RAFA FARIÑA

A VI Xornada de Onomástica Galega reuniu este sábado no Museo de Pontevedra a especialistas de distintos ámbitos que profundaron na onomástica a través do Camiño de Santiago e en especial en como se forxou e difundiuse o propio nome de Santiago desde a Idade Media como símbolo de identidade de Galicia, na súa pegada nos nomes propios e apelidos, ou na toponimia a través do Códice Calixtino, entre outros asuntos.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega Iñarrea; o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, e a académica Luz Méndez, representantes das tres institucións que desde 2016 organizan estas xornadas de onomástica galega, inauguraron a sexta edición do encontro.

"Os nomes dos lugares e das persoas teñen a crónica da nosa identidade, a memoria da nosa historia. Estudalos e coñecelos é un xeito de viaxar polo que somos e, sobre todo, polas raíces do que somos, que tamén é unha forma de pensar e entender o que queremos ser", destacou o presidente da Real Academia Galega.

Para Freixanes, o Camiño de Santiago "é un capítulo da nosa historia fundamental para a comprensión da identidade de Galicia. Na súa toponimia e no propio nome de Santiago polo mundo adiante podemos seguir o que significa un episodio tan representativo da nosa identidade colectiva".

Pola súa banda, a deputada de Lingua destacou que, aproveitando a celebración do Xacobeo, a Xornada de Onomástica Galega é igualmente "unha oportunidade para reivindicar que a nosa lingua mostra a nosa forma de ser e estar na nosa terra e tamén alá onde chegamos fóra das nosas fronteiras".

Anselmo López Carreira, da Universidade Nacional de Educación a Distancia, considera que "Galicia, aínda experimentando cambios no ámbito físico, presenta desde o inicio unha notable permanencia semántica; pola contra, o nome de España será bastante logo da Idade Media cando adquira o significado actual. Ata que iso ocorra, se por corónimo entendemos a designación dun país máis que dun espazo, España, case mellor que un corónimo era un topónimo, en contraste co nome de Galicia, que parece ter orixe étnica", indica o historiador. 

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios