martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

A homenaxe á emigración abriu as xornadas do peregrino en Mondoñedo

Mondoñedo
Asistentes aos actos no parque da Lembranza. EP
Unha placa lembrará o labor da mestra Andrea López Chao e do comerciante Francisco García Olano no parque da Lembranza

As xornadas do peregrino Abrindo Camiño arrancaron este sábado en Mondoñedo cunha homenaxe á emigración personificada na que fora mestra en Lindín, Couboeira, Viloalle e A Habana e vicepresidenta de Hijas de Galicia en Cuba, Andrea López Chao e no comerciante e presidente do Centro Galego de Bos Aires, Francisco García Olano.

En recordo de ambos descubriuse unha placa conmemorativa no parque da Lembranza, onde tamén se prantou unha palmeira.

Neste acto interviu o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que destacou que a homenaxe "é unha proba máis de que a Galicia do século XXI ten moi presente aos que nos trouxeron ata aquí aínda estando en América, nese continente tan noso". "Aquí temos dous exemplos que partiron destas terras facer unha vida máis sinxela aos que chegaban a Arxentina ou Cuba".

Outra das intervencións foi a da adxunta á Valedora do Pobo, María Xosé Porteiro, que ten orixes na Ribeira de Piquín pola súa avoa e en Pol polo seu avó. Destacou a importancia da figura de Andrea López Chao como "unha das mulleres que triunfou na emigración". "Foi a persoa que puxo a Concepción Arenal no frontispiciode Hijas de Galicia en Cuba, participou nos primeiros congresos feministas da inmigración falando das mulleres migrantes e prostituidas", afirmou e recalcou que debería estar "en todas as rúas".

No acto tamén interviu a tenente de alcalde mindoniense, Elena Candia, que recalcou o vencello do concello coa emigración e recalcou que "Mondoñedo sempre será un lugar de retorno e para fixar poboación". A continuación houbo unha ofrenda froral no cemiterio vello a Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga e Álvaro Cunqueiro.

Finalmente os actos trasladáronse ao auditorio onde María Xosé Porteiro; o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, e o xornalista Martín Fernández lembraron a emigración a América. O cronista mindoniense centrou a súa intervención en catro figuras da emigración do municipio: Xan de Masma, Bernardino Vidarte, Amador González, María de los Ángeles Vázquez e Lola do Couto.

Un día para lembrar a historia
O vindeiro día de actos programados no marco destas xornadas será o vindeiro sábado cunha lembranza da historia de Mondoñedo centrada no legado da igrexa e na figura do bispo Juan Antonio Muñoz y Salcedo. Os relatores serán Pedro Díaz, deán da catedral; Roberto Reigosa, licenciado en Historia do Arte, e Javier Gómez, doutor en Historia da Arte.
Antiga muralla
Tamén está previsto un roteiro polo trazado da antiga muralla medieval da cidade dende o Museo da Imprenta.

A homenaxe á emigración abriu as xornadas do peregrino en Mondoñedo
Comentarios