Martín Berasategui, en Galicia: "Tedes unha cesta da compra que é a envexa do mundo"

O mestre cociñeiro está a realizar varias etapas do Camiño entre Santiago e Ourense
Berasategui, en la cocina de Casa Barqueiro, en Negreira. LAVANDEIRA JR.(Efe)
photo_camera Berasategui, en la cocina de Casa Barqueiro, en Negreira. LAVANDEIRA JR.(Efe)

O chef Martín Berasategui acudiu este luns ao Centro Superior de Hostalaría de Galicia, onde supervisou de primeira man os menús do día acompañado do vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, do presidente do Clúster de Turismo, Héctor Cañete, e de Rogelio Rial (Casa Barqueiro, Negreira), un dos irmáns que impulsa a iniciativa Estrelas non Camiño.

"E dicirvos que non teño nin medo, nin preguiza nin vergoña en dicir que sodes a envexa do mundo; tedes unha cesta da compra que nos fai superfelices e uns alumnos que son a excelencia universitaria e que sen iso non poderiamos estar os cociñeiros españois onde estamos", proclamou nas declaracións, entre fogóns, as 12 veces Estrella Michelín, quen non pasou por alto que parte dos "aplausos" que recibe son grazas aos produtos que compra procedentes de Galicia.

Das potas na cociña, pasando pola sala de corte e despezamento, até o obradoiro de repostaría, Berasategui percorreu as instalacións do prestixioso centro –como el mesmo destacou– co mesmo mensaxe aos alumnos: "ánimo e garrote".

O chef, que acudiu coa intención de realizar varias etapas do Camiño entre Santiago e Ourense, destacou a "excelencia" do centro e dos alumnos que saen formados del, agora coa categoría de grao universitario.

Berasategui tamén destacou, durante a súa visita, a relevancia desta formación e a profundidade coa que se aborda, algo que non ocorría cando el empezou con 15 anos, con referentes, tamén citou, como Arzak e Arguiñano. "As formas que me deron para esta bonita profesión non é pensar que Martín Berasategui é eu, senón que todos nós, estes alumnos desta excelente escola, este amigo Rogelio que é un loitador infatigable para que Galicia estea onde se merece", dixo, antes de engadir que "cada vez ve a Galicia moi importante, non só en España, senón no mundo".

O chef vasco, que se declarou "inconformista" e sempre "aprendiz", sinalou que se rodea de lugartenentes procedentes de Galicia, que son "doutro planeta", e confesou que cando viaxa fóra e atópase con cociñeiros desta comunidade, sempre lle conquistan cun "tilín" o padal.

Pola súa banda, Rueda destacou que Berasategui, ademais dun "enorme" cociñeiro é unha "gran persona", e comparou a visita do chef cunha de Messi a un equipo de fútbol. Ademais de agradecerlle a súa implicación cos produtos galegos destacou como animou e alentou aos alumnos do centro de hostalaría para que cheguen o máis lonxe posible.

ANTESALA. A peregrinación de Berasategui supón a antesala dunha nova edición deste ano da comida, que volverá reunir a restauradores de toda España con Estrelas Michelín.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro destacou a combinación de materias primas de primeira calidade e a profesionalización do sector da hostalaría, o que sitúa a Galicia como destino enogastronómico de excelencia. Xunto coa natureza, a gastronomía é un dos motivos máis escollidos polos turistas para visitar a comunidade.

A gastronomía galega conta con 16 Estrelas Michelín concedidas este ano a 15 restaurantes galegos. Hai que sumar 24 na categoría Bib Gourmand e o tres con Estrella Verde polo seu compromiso coa sustentabilidade. 

De feito, a Xunta impulsou iniciativas como Écociña non Camiño, unha proposta que está pensada para dar a coñecer aos peregrinos e turistas a oferta de calidade e sustentabilidade da hostalaría galega nas rutas xacobeas, que incluíu demostracións de menús autóctonos nas prazas de abastos con produtos de proximidade. 

O Camiño e a gastronomía son "dous puntos fortes" do turismod e Galicia e encaixan co modelo baseado en "seguridade, calidade e sustentabilidade" que recolle o Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, ofrecendo aos viaxeiros un turismo "tranquilo" en espazos abertos e en contacto coa natureza, como demandan após a pandemia. 

Más en Actualidad Xacobea
Comentarios