viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

O proxecto 'Caminito' da UVigo recibe un premio de Axencia Espacial Europea

Integrantes do equipo UVigo SpaceLab nunha xuntanza celebrada na EE de Telecomunicación. DP
Integrantes do equipo UVigo SpaceLab nunha xuntanza celebrada na EE de Telecomunicación. DP
O equipo UVigo SpaceLab define a idea como unha "proposta revolucionaria" onde as imaxes da constelación Copernicus serían utilizadas para a xestión e coidado dos carreiros do Camiño de Santiago

A Axencia Espacial Europea (Esa, polas súas siglas en inglés) concedeu o premio europeo Copernicus Masters na categoría de infraestruturas ao proxecto Caminito da Universidade de Vigo.

Este galardón premia ideas innovadoras e desenvolvementos que usan datos de observación da Terra para abordar desafíos sociais e empresariais, e Caminito, acrónimo de CAMera based INfraestructure Integrity Tracking from Orbit, é, segundo o equipo UVigo SpaceLab, unha "proposta revolucionaria" onde as imaxes da constelación Copernicus serían utilizadas para a xestión e coidado dos carreiros do Camiño de Santiago.

"O seu obxectivo é proporcionar información para a prevención e actuación ante posibles incidencias, así como para o estudo da vexetación e masas de auga para detectar posibles desprendementos", dixo á revista da universidade Manuel Diz, director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab, integrado por máis dunha trintena de estudantes dos campus de Vigo e Ourense.

O premio está dotado cunha contía económica de 10.000 euros e con outros 10.000 euros en imaxes satelitales e datos da constelación Copernicus, que permitirán aos creadores de Caminito poñer a proba e desenvolver a súa iniciativa e mesmo novas ideas.

Este premio súmase aos galardóns rexionais, organizados tamén pola Esa, Galileo e Copernicus Galicia 2021 que o equipo UVigo SpaceLab conseguiu recentemente polos seus proxectos Adagio e Caminito, respectivamente.

UVigo SpaceLab céntrase desde hai algo máis dun ano no desenvolvemento de Bixo, (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit), unha misión biolóxica que busca analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial, pero o pasado verán comezaron a traballar en Caminito e Adagio.

O proxecto 'Caminito' da UVigo recibe un premio de Axencia Espacial...
Comentarios