Catro oficinas móbiles da Garda Civil protexerán o Camiño de Santiago

Máis de 11.000 axentes "redobrarán esforzos" para a seguridade dos peregrinos nos case 4.000 quilómetros de rutas xacobeas
Acto de presentación do dispositivo de seguridade. GUARDIA CIVIL
Acto de presentación do dispositivo de seguridade. GUARDIA CIVIL

Catro oficinas móbiles trasladarán os postos da Garda Civil ao Camiño de Santiago para protexelo "alá onde sexan máis necesario" a partir do 1 de xuño e durante ese mes, o de xullo e o de agosto, como principal novidade do plan de seguridade para este ano santo Xacobeo.

Lugares como Melide, Fisterra, Redondela e Sarria, en Galicia; e Villafranca del Bierzo, Santo Domingo de la Calzada e Puente de la Reina, fóra, están sinalados como puntos estratéxicos de referencia para estas oficinas móbiles, que consisten nunha furgoneta anunciada con bandeirolas e que contará -cada unha delas- con tres axentes.

En canto ás oficinas móbiles, itinerantes e "moi visibles", funcionarán "até finais de agosto" con horarios "prioritarios" que coincidirán "coas necesidades" dos peregrinos

"Somos flexibles", destacou a directora xeral da Garda Civil, María Gámez, durante a súa presentación en Santiago, para chamar a atención sobre que a idea destas oficinas é que se despracen a cruces e poboacións máis concorridos.

En total, máis de 11.000 axentes de seguridade cidadá -máis de 1.500 en Galicia- "redobrarán esforzos" para tratar de achegar seguridade aos peregrinos nos máis de 4.000 quilómetros de rutas xacobeas durante este verán. A estes efectivos hai que sumar os doutras especialidades, segundo remarcou María Gámez.

En canto ás oficinas móbiles, itinerantes e "moi visibles", funcionarán "até finais de agosto" con horarios "prioritarios" que coincidirán "coas necesidades" dos peregrinos -ao comezo e final de cada etapa-, coa vontade de que "poidan continuar o ano seguinte" e mesmo incrementar o seu número.

Na presentación do plan de seguridade do ano santo Xacobeo 2021/2022, no Pazo de Raxoi, a directora xeral da Garda Civil recibiu o agradecemento por parte do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, en nome de todos os rexedores do Camiño.

Haberá un esforzo "especial" no camiño francés, o máis transitado, e participarán corpos de Francia (11 efectivos), Portugal (9) e Italia (7)

MÁIS VISITANTES. Ante a relaxación das restricións fronte ao covid, Gámez apuntou que "se esperan máis peregrinos" coa previsión de que o fluxo de visitantes "irá aumentando" sobre todo no período do 1 de xullo ao 30 de setembro, "de maneira contundente" e "especialmente" o 25 de xullo, día do Apóstolo, o anterior e o posterior.

De aí un operativo "que implica a miles de axentes" nun total de 11 comunidades, coa participación de efectivos de case todas as especialidades da Garda Civil.

Haberá un esforzo "especial" no camiño francés, o máis transitado, e participarán corpos de Francia (11 efectivos), Portugal (9) e Italia (7).

Así mesmo, este ano, por primeira vez, está prevista a presenza de policías de Brasil, Alemaña e Reino Unido, as semanas anterior e posterior ao Apóstolo.

Comentarios