Estudantes de Palas ensinan galego aos peregrinos que trae o Camiño

Escribiron tarxetas para agasallar os camiñantes. Fixeron a ruta desde o inicio e unha mostra para contalo
Unha peregrina colle unha das tarxetas que os estudantes agasallan. EP
Unha peregrina colle unha das tarxetas que os estudantes agasallan. EP

Alumnos do Ceip Plurilingüe de Palas de Rei embarcáronse nun proxecto para difundir o galego máis aló das fronteiras de Galicia e están ensinándolles a lingua propia aos peregrinos que chegan á localidade a través do Camiño de Santiago.

Os rapaces seleccionaron palabras en galego que plasmaron en tarxetas para agasallar aos peregrinos. Ditas tarxetas foron depositadas no Punto de Atención ao Camiñante, que o Concello de Palas de Rei ten na área recreativa dos Chacotes, para que as persoas que percorren o Camiño Francés teñan acceso a elas. Nesta iniciativa, chamada Verbas no Camiño, participan alumnos de todos os cursos.

Con este xesto, os estudantes de Palas de Rei queren chamar a atención sobre o idioma e a cultura de Galicia e darlles visibilidade entre persoas procedentes dos máis diversos lugares do mundo e que fan do Camiño un espazo multicultural.

Verbas no Camiño forma parte dun programa de traballo máis amplo, Documental Integrado: Palas no Camiño, desenvolvido durante este curso no Ceip Plurilingüe de Palas de Rei para conmemorar o ano santo 2021-22.

Dentro deste proxecto, os alumnos investigaron sobre cada etapa do Camiño Francés, desde Roncesvalles ata Santiago de Compostela, e plasmaron nun mural o resultado dos seus estudos. A obra pode verse na planta baixa do colexio.

Sen saír do centro, o visitante pode facerse unha idea do que se atopará en cada unha das etapas que compoñen a ruta que pasa por Palas de Rei. Cultura, historia, gastronomía, patrimonio... nada se lles escapa aos pequenos investigadores palenses.

PASO A PASO. E non falan por falar, senón que percorreron o Camiño desde Roncesvalles para vivir a experiencia e poder falar con coñecemento real. Na primeira parte do curso peregrinaron de Roncesvalles a Palas de Rei e na recta final, percorreron as etapas desde a súa localidade ata o Monte do Gozo. Está previsto que o día 20 os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria rematen a andaina entre o Monte do Gozo e Santiago de Compostela. O Concello colabora facilitando autocares para o desprazamento ata o punto de partida e a recollida á chegada.

Pero os alumnos palenses non só se fixaron en todo o que ofrece o Camiño de Santiago fóra, senón que prestaron un especial interese ao que o seu concello pode ofrecerlles aos peregrinos que trae a ruta xacobea. Visitaron lugares representativos do municipio, como Vilar de Donas ou o castelo de Pambre. E coa información recollida, elaboraron un tríptico e un mapa interactivo ao que calquera pode acceder para coñecer Palas de Rei da man dos pequenos anfitrións.

Comentarios