sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

A Academia lamenta o falecemento do académico de honor Giuseppe Tavani

Giuseppe Tavani. EP
Giuseppe Tavani. EP

Era un dos grandes especialistas mundiais en lírica medieval galega

A Real Academia Galega (RAG) expresou este luns o seu pesar pola morte do académico de honor Giuseppe Tavani, catedrático emérito da Universidade de Roma La Sapienza e un dos grandes especialistas mundiais en lírica medieval galega.

O profesor faleceu en Roma, cidade na que naceu en 1924, informa a RAG.

"Tavani foi un erudito excepcional, o príncipe dos estudiosos de nosa lírica trobadoresca, pero tamén foi un activo promotor do recoñecemento da cultura e da lingua galega", subliña nun comunicado o secretario da RAG, Henrique Monteagudo.

Ademais, Tavani foi cofundador da colección 'Poeti e prosatori galeghi', á que contribuíu coa tradución ao italiano do Grifón de Alfredo Conde e Tempo de Compostela de Salvador García Bodaño

O profesor desenvolveu desde os anos 50 unha gran investigación con máis de trescentos títulos entre libros, traducións e artigos.

Entre outras, ofreceu unha interpretación nova e orixinal da nosa literatura medieval na que afondar na idea de Santiago de Compostela como centro difusor, e tamén chegou á conclusión de que a poesía trobadoresca primitiva foi creada en galego e non en galego-portugués.

Destacan obras como A poesia lirica galego-portoghese, publicada en 1970 e traducida ao galego en 1986; o Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa (1993), a Arte de Trovar do cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (1999), As cantigas de escarnio -obra publicada en galego en 1994-, ou Tra Galizia e Provenza: saggi sulla poesia medievale galego-portoghese (2002).

As súas contribucións á cultura galega foron recoñecidas co Premio da Crítica de Galicia (1987), o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao (1988) ou o título de doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela. 

A Academia lamenta o falecemento do académico de honor Giuseppe Tavani
Comentarios