Ana Pontón debuta como directora de cine

'Nós mesmas' é a primeira curta da voceira nacional do BNG. A cinta é o resultado das conversas con cinco mulleres conectadas con San Sadurniño. Conversas nas que as súas vivencias, frustracións e soños tecen unha historia que toma corpo nunha viaxe no FEVE

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, unha cinéfila destacada, acaba de dar o salto á dirección coa presentación, dentro do Fálame San Sadurniño, da curta Nós mesmas, unha cinta protagonizada por cinco mulleres que intercambian vivencias, frustración e soños durante unha viaxe no Feve.

"A peza non nace a partires dun guión preestablecido. As tres anclaxes do filme son a terra, as mulleres e o tren. Interesábame o proceso creativo de contar unha historia que non seguira un sistema pechado e predefinido por un guión, senón o resultado dunha vivencia e convivencia. Quixen darlle voz e protagonismo ás mulleres de San Sadurniño como acto reivindicativo e empoderamento feminino, visibilizando reflexións e sentimentos que rachan con estereotipos e falsas dicotomías entre rural e urbano", segundo explica a propia Pontón.

Pontón ten experiencia previa no eido cinematográfico. Participara na 2º Chanfainalab -en calidade de produtora- no filme Trazos de Alberte Branco. Daquela experiencia enriquecedora agromou" a inquedanza por dirixir unha curta da súa propia autoría que ao cabo puido materializar" agora, segundo sinalan desde o proxecto.

SINOPSE. Peza é o resultado das conversas con cinco mulleres conectadas con San Sadurniño. Conversas nas que as súas vivencias, frustracións e soños tecen unha historia que toma corpo nunha viaxe no FEVE e pretende deixar unha mensaxe de esperanza nun momento de deconstrución da nosa identidade propia e do colectivo. O tren de vía estreita é unha personaxe máis e encarna una visión contemplativa da vida, un punto de vista neutro ante o devir dos acontecementos

Comentarios