miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

O "Cancionero musical de Galicia" de Sampedro Folgar queda libre de dereitos

A Biblioteca Nacional anunciou que as 509 cancións populares galegas de finais do século XIX que recolle poden ser reproducidas e difundidas tras pasar 80 años da morte do seu autor

 

LUGO/MADRID. O Cancionero musical de Galicia, de Casto Sampedro Folgar, poderá ser reproducido e difundido publicamente ao cumprirse 80 anos dende o pasamento do seu autor, segundo anunciou onte a Biblioteca Nacional de España. A obra recolle 509 pezas musicais con partitura que foron recollidas por Sampedro Folgar (Redondela, 1848; Pontevedra, 1937) nun cento de municipios de Galicia.

O investigador, inspirado polos movementos de conservación do folclore de finais do século XIX, coordinou un grupo de musicólogos de todo o país que acudiron a mariñeiros, labregos e músicos populares para transcribir de memoria ou en directo as súas cancións e bailes. A importancia desta xeira é que foi realizada nunha época na que había poucas persoas capacitadas para escribir eses sons ao escoitalos en vivo.

Carlos Villanueva
Catedrático da USC

"Sampedro fai a primeira recollida profesional, algo que xa estaba facendo en Cataluña ou no País Vasco"

O catedrático de Música da USC Carlos Villanueva subliña que «cando se fai cargo do que será o Museo de Pontevedra» empeza o labor. Apóiase nos coñecementos musicais que adquirira nos seminarios de Tui e Ourense. «Sampedro fai a primeira recollida profesional, algo que xa se estaba facendo en Cataluña ou no País Vasco». Para elo, válese dun «novo sistema de especialización» en colaboración co primeiro catedrático en Literatura Galaico Portuguesa Víctor Said Armesto. Villanueva advirte de que o ritmo do arquivo de Sampedro Folgar diminúe en 1914, ao morrer o seu colaborador.

A profesora do conservatorio de Lalín e instrumentista Lorena López Covas argumenta que as tendencias dos cancioneiros europeos desa altura son «poéticos, que tratan de recuperar o pasado, e científicos, que se ocupan de estudar» as pezas. O labor de Sampedro ten un carácter «poético» polo momento no que o realiza, pero serve de base para as análises posteriores. Carlos Villanueva estima que o fondo que xuntan pode roldar «os dous milleiros» de composicións «coas súas variantes».

ALALÁS. «O repertorio é tanto profano -como son alalás, cantos de cego, muiñeiras ou cantos de traballo- como relixiosos -cánticos de misa ou de romarías-», explica López Covas.

A autora de Historia da música de Galicia (Ouvirmos) engade que houbo outros interesados que empezaran ese labor ante o temor a que ese patrimonio se perdese, «pero Sampedro é o primeiro nacido en Galicia que se preocupou» por esa riqueza. Ese interese nácelle «dos nacionalismos musicais» que se estenden pola Europa do seu tempo, «que intentan recuperar a esencia do pobo a través do folclore», segundo apunta López Covas.

Sampedro Folgar empeza a cartearse con expertos de toda Galicia -Juan Montes, no caso de Lugo- solicitando que lle remitan as partituras polo mesmo medio.

O "Cancionero musical de Galicia" comeza a coller forma contra a fin do século XIX e foi crecendo ata a morte do investigador, polo que as pezas conservadas «son moi antigas», opina esta docente.

O lucense Carlos Villanueva ten a sospeita «de que Casto Sampedro non quixo publicar» un volume no que se sistematizase o seu esforzo de recolleita «porque consideraba invetigar como unha acumulación de datos».

Lorena López Covas
Investigadora

"O repertorio é tanto profano –alalás, cantos de cego, muiñeiras, canto de traballo– como relixioso"

Será Xosé Filgueira Valverde quen impulse editar Cancionero musical de Galicia en 1942. O catedrático da USC, quen coordenou unha reedición en 2007, explica que o erudito pontevedrés parte de «catro ou cinco ficheiros» con versións de cada peza. «Usou un criterio comparatista para escoller as máis fiables», conclúe.

Para Villanueva, Sampedro Folgar realiza «o cancioneiro máis importante de Galicia, sen esquecer o que fixeron Bal y Gay, e Torner».

O "Cancionero musical de Galicia" de Sampedro Folgar queda libre de...
Comentarios