Falece o pintor vigués Urbano Lugrís Vadillo, aos 76 años

Trátase do fillo do artista Urbano Lugrís ►Desenvolveu unha linguaxe propia do surrealismo e o hiperrealismo

LUGO. O pintor Urbano Lugrís Vadillo faleceu este xoves aos 76 anos de idade. Nado en Vigo e fillo de Urbano Lugrís, un dos grandes artistas do século XX en Galicia, Lugrís Vadillo destacou nas últimas décadas por desenvolver unha linguaxe propia que oscila entre o hiperrealismo e o surrealismo.

O pintor residiu na súa cidade natal ata o oito anos, para logo vivir os seguintes anos na Coruña, Madrid e Castela, segundo recolle a fundación María José Jove no seu perfil biográfico.

A pesar da tradición artística familiar, a súa vocación pola pintura non se destapou ata que, como oficial da Mariña Mercante, percorreu os mares do mundo. Con 20 anos recibe os seus primeiros recoñecementos, pero ata nove anos despois non abandona a súa ocupación para adicarse por completo á arte.

TÉCNICA PICTÓRICA. Desde entón expuxo en numerosas cidades de España e do resto do mundo, aínda que tanto a súa personalidade como a súa técnica sempre estiveron rodeadas de certo misterio. Urbano Lugrís é un pintor de recoñecido prestixio que desenvolve unha pintura baseada na plasticidad dunhas formas fantasiosas de minucioso debuxo, cunha linguaxe propia entre hiperrealismo e surrealismo, que fai que as súas obras leven un selo de identidade exclusivo e inconfundible.

Unha das últimas exposicións nas que puido verse parte da súa obra foi Urbano Lugrís, pai e fillo, que organizou a galería Artbys hai uns meses na cidade da Coruña.

Comentarios