A Feira do Libro de Ourense arranca este mércores coa presenza de decenas de escritores

As casetas das librarías situaranse na Rúa do Paseo ► A rapazada poderá gozar de diversas actividades

Parte do cartel que ilustra a Feira do Libro.
photo_camera Parte do cartel que ilustra a Feira do Libro.

A Feira  do Libro de Ourense comeza este mércores e prolongarase ata o 2 de xuño. As casetas ubicaranse na Rúa do Paseo e o seu horario será de 11.00 a 14.00 horas e, pola tarde, de 18.00 a 22.00 horas.

Participan desta cita as librarías Nobel, Pedreira, A' Nova, Kathedra, Padre Feijóo, Zampacontos, La Viuda, Punto e Coma e Lafer 

Baixo o lema Ler sen fronteiras, inspirado pola escritora María Victoria Moreno, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, o evento literario conta co apoio da Federación de Librarías de Galicia, a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense.

MÉRCORES. A feira comezará a funcionar este mércores ás 11.00 horas, á mesma hora na que Urco Editora presenta a exposición Historia da Literatura Fantástica. De feito, a rapazada que se faga cun libro de Naturizo poderá coller a súa chapa o sábado pola mañá no Espazo de Actividades.

O escritor José Benito Reza encargarase do pregón

O acto inaugural terá lugar ás 20.00 horas e correrá da man de José Benito Reza. O enxeñeiro e escritor de Celanova será o encargado do pregón e posteriormente, ás 21.00 horas asínará na caseta de Secretaría.

Afonso Vázquez Monxardín, tamén a esa hora, presentará Os cronistas oficiais de Ourense a través das actas municipais e Crónica do vivir xornaleiro de Don Ramón Otero Pedrayo

XOVES. Para o xoves están programadas varias presentacións como as de Pablo Nogueira e Manuel Uhía con Nube Branca quere ser astronauta, por Bahía Edicións, ás 18.00 horas e Cristina Carro con La caricia de la bestia, de Espasa, ás 19.00 horas, que asinará exemplares na caseta de Secretaría.

Os lectores de Cristín Ferro poderán achegarse a ela no posto da libraría Nobel Internacional na que asinará Mucha física y poca química, ás 19.00 horas tamén.

Unha hora máis tarde celebrarase o foro debate sobre Benposta e o libro O trapecista da malla de rombos, de Alberto Canal. Nel participarán Xesús Álvarez, Jorge Emilio Bóveda, Antonio Martínez, Chelo Rodríguez e Marisol Babarro. 

Por outra banda, Lizzie Quintas asinará Esquivando el destino no espazo da libraría Nobel Internacional.

VENRES. En canto ao venres, a programación arrancará, de novo, ás 18.00 horas co Contacontos en Linguaxe de signos pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e Joaquín González que asinará Los días cortados na caseta de Nobel de Ourense. 

Media hora máis tarde a FAXPG impartirá o Taller Básico de Linguaxe de signos.

A poesía estará presente o venres da man de Genaro da Silva

A poesía fará dará o presente coa Flor negra de Genaro da Silva, por Chan de Pólvora, e Andrea López firmará No sin ti en Nobel Internacional.

Ás 19.30 Luís Denis Cispín asinará Paraños en La Viuda.

A xornada rematará con tres actos clave: o recital poético de Arredor do libro Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda, por Alvarello Editora, a firma de Antía Eiras do seu Los guardianes en Novel Internacional, ambos os dous eventos ás 20.00 horas. Ás 21.00 horas, a modo de peche, Chan de Pólvora presentará Os Eidos de Novoneyra, do selo da Biblioteca de Mesopotamia.

SÁBADO. O sábado, a último día da Feira do Libro, os eventos xa comezarán pola mañá. Ás 11.00 horas Ediciones Linteo organizará a actividade infantil Naturizo e o espíritu da montaña e Rocío López, en Nobel Internacional, asinará Nunca fuimos buenos.

Ás 12.30 horas desenvolverase outra proposta para a rapazada de 5 a 12 anos, organizada pola biblioteca Nodal de Ourense, Lúa e os peixes con Fátima Fernández. Por outra banda, o posto da libraría Nobel Internaiconal acollerá a firma de Vente conmigo al cielo de Mencía Yano.

Alberto Ramos presentará a súa obra A simetría das bestas

Xa pola tarde, terá lugar o Contacontos Feliz Feroz con Iago López, por Kumon, ás 18.00 horas. Ao mesmo tempo que Rocío López volverá asinar a súa obra no espazo da libraría A Nova.

Ás 18.30 horas, na caseta da libraría Pedreira, Galeguia será firmada por Manuel Miragaia Doldán.

Raúl Dávila presentará Ictus: Si tú crees que puedes, puede que puedas, pola Editorial Andavira, e Antiliados asinará Esposada, en Nobel Internacional, os dous ás 19.00 horas.

Media hora máis tarde, Finy Sesmonde firmará Gotas de rocío, copos de nieve na caseta da libraría La Viuda.

Leopoldo Pardo falará de As sete mortes, por Edicións Xerais, ás 20.00 horas, e pechará a Feira do Libro a presentación do XVIII Premio Risco de creación literaria: A simetría das bestas, de Alberto Ramos. Participarán no evento Luís Martínez-Risco, David Cortizo e Belén Iglesias Cortés.

Os libros contarán cun 10% de desconto durante os catro días do evento.

Comentarios