jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

"O Fiouco é un exemplo do poder que teñen os expertos e os gurús"

Manuel Rivas. AMA
Manuel Rivas. AMA
O confinamento afecta á saúde e esmáganos, apunta Manuel Rivas. A el serviulle para concibir Zona a defender, un manifesto de ton literario e de fondo crítico no que aposta pola ecoloxía, o feminismo e a conversa como ferramentas para evitar a debacle do mundo

No Capítulo Os expertos en vacas e a néboa do libro Zona a defender, Manuel Rivas (A Coruña, 1957) fala da inauguración do tramo da A-8 no Fiouco, en Mondoñedo. Describe unha escena da inauguración, cuns técnicos presumindo da fazaña da enxeñería e os veciños da zona horrorizados ao ver entrar unha néboa que acabaría por cubrilo todo.

O libro fala sobre "extralimitación ecolóxica". Critica o paso da autovía polo Fiouco.

Este libro é unha obra literaria con máis peso do pensamento que do emocional. A ironía define a modernidade, é ese humor amoratado que deixa un hematoma. O Fiouco é ilustrativo do que pasa no mundo, onde hai un exceso de poder dos expertos e dos gurús. No eido político levan a batuta e non escoitan á parte de cando hai eleccións. O cidadán é un cliente ao que se lle pide que compre un produto cada catro anos. Nos partidos políticos hai moi pouco espazo de participación cidadá. O exemplo é O Fiouco como poden selo o porto exterior da Coruña ou a Cidade da Cultura.

Vostede foi activo politicamente hai uns anos.

Cando estiven foi na Marea Atlántica que naceu nunha asemblea na praia de Riazor.

Provocoulle desencanto?

Claramente. Pero iso non é xustificación para deixar de implicarme. Hai que estar. Cometemos erros. Hai que aprender dos fracasos. Eu vino vir. Xa non entrara na dinámica dos postos políticos. Eu non son político, pero interésame a política. Demostrou con Podemos as mareas que hai movemento, que hai xente que quere recuperar o apoio mutuo e participativo, como na tradición anarquista.

O anarquismo foi poderoso na Coruña.

Chamábana ‘a Barcelona do Atlántico’. Foi do máis importante na nosa Historia contemporánea. Na Coruña tivo moita forza, como todo o Estado español. É unha tradición que está aí e que hai que recuperar.

Dicía que viu achegarse o fracaso.

Pareceumo cando se marxinaron os espazos participativos que eran consustanciais á idea. A democra-cia debe ser efectiva, pero tamén afectiva. Debe ter unha ollada cara á xente, escoitar á xente. A identidade deste movemento é a esperanza, ese hábitat participativo no que podes medrar. Se desaparece, desaparece a súa razón de ser.

As culpas foron so internas?

Houbo outros factores, un acoso exterior porque era novo e porque tiña unha nova linguaxe. Estamos a tempo de recuperar parte dese fracaso. Reivindica a figura de Aníbal Otero, o filólogo de Ribeira de Piquín que tivo problemas políticos sen buscalos. Coas palabras pasa como cos seres máis miúdos, que son os primeiros que detectan o mal do aire. A dereita neoconservadora empezou a interesarse pola linguaxe, polo intelectual. Os neocón aproveitan o pensamento máis innovador para darlle a volta e lograr a hexemonía. O control das mentes faise contaminando as palabras. Dick Cheney, que foi vicepresidente no Goberno de Bush, puxo moita insistencia en neutralizar a expresión ‘quecemento global’ e conseguiu que se pasase a usar ‘cambio climático’, como se fose un simple cambio.

Fáleme de Aníbal Otero.

Fai unha colleita de palabras para o seu ‘Atlas lingüístico peninsular’ como parte do movemento de persoas ilustradas como Giner de los Ríos que concentrou os odios do fascismo español. Nese ambente fai unha aposta por intelectual por colleitar e estudar o pluralismo lingüístico que hai. O seu traballo nos anos 30 é unha obra heroica polos medios que tiña para andar por ese camiños. Nos prolegómenos do ano 36 é detido en Tui ao ser sospeitoso de ser ‘filólogo’. É detido en Portugal e entregado porque pensan que é espía por unhas anotacións fonéticas. É absurdo. Destrozáronlle a vida.

Di que o director Oliver Laxe filma seres fráxiles. Compárao co pintor de Os comedores de patacas, Van Gogh.

Para referirme ao cinema de Oliver Laxe uso a palabra ‘fraxilidade’. No seu traballo está moi presente a fraxilidade dos seres. A vida que reflicte nas películas vai unida á idea de sutileza, á procura do matiz. O mundo é tantas veces tan bruto que esa procura da zona de sombra do ser humano soamente xermola ou se filtra se es quen de sentir esa fraxilidade e esa sutileza. Van Gogh era fráxil. Pintou desde os adentros.

Oliver Laxe é un home soamente.

Non é unicamente Oliver. Temos un movemento extraordinario de poetas en Galicia. Rosalía é unha nai fundadora, Galicia ten unha nai fundadora; non como outros países, onde os fundadores son guerreiros, heroes ou machos. Rosalía é unha célula nai, que sería o ecofeminismo do seu tempo. Escoitar á terra e as voces baixas da sociedade é unha tradición fértil. Galicia ten un horizonte enfermo ás veces, dicía Manuel Antonio; pero o noso rescate é a ollada que atravesa a historia da vangarda perenne da muller que se expresa na soidade solidaria, na soidade de comprender mellor aos outros e a propia terra.

Recomenda escoitar.

É a ferramenta máis interesante. Hai un fanatismo tecnolóxico, unha nova superstición na que delegamos o pensamento. Todos queremos estar ao día das novidades tecnolóxicas, eu tamén. A escoita é unha ferramenta que xa existe. Fálase de que os móbiles do futuro serán un chip que levaremos no corpo. Ese chip xa é natural.

Escoitámonos pouco porque estamos mirando o móbil?

Non escoitar é un círculo vicioso, o virtuoso é escoitar o malestar da xente e da Terra. Temos que escoitarnos moito máis; sobre todo, a esas voces baixas que non teñen medios para facerse oír. As políticas alternativas empezarían por ver o que está oculto e escoitar nas marxes. Mesmo a inclinación que facemos para escoitar cambia o mundo, inclinarse para escoitar é unha revolución. En España as elites relixiosas, xudiciais e económicas escoitan pouco; hai moita cháchara, moita comentocracia, como din en México. Son sempre os mesmo e non se escoitan nin entre eles. Son un karaoke.

"O Fiouco é un exemplo do poder que teñen os expertos e os gurús"
Comentarios