jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

Francisco Campos Freire, premio Diego Bernal 2020

Francisco Campos Freire. PARLAMENTO VASCO
Francisco Campos Freire. PARLAMENTO VASCO
Campos foi director de La Región, Axencia Galega de Noticias e CRTVG, e na actualidade traballa como docente e investigador na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC

A Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar a Francisco Campos Freire o Premio Diego Bernal do ano 2020, na que será a XXV edición deste galardón xornalístico. Recibirao, informa un comunicado, Francisco Campos pola súa dilatada traxectoria profesional en distintos medios de comunicación de Galicia, tanto en tarefas xornalísticas como de xestión de empresas de comunicación e na docencia, ata o seu labor actual de catedrático da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

No ámbito xornalístico empezou a súa actividade profesional como delegado de La Voz de Galicia en Lugo (1979-1985), subdirector e director de La Región de Ourense (1985-1990), director-xerente de Axencia Galega de Noticias (AGN) en 1990-94, director xeral da Compañía Radio Televisión de Galicia de 1994-2005 e presidente de FORTA en 1994, 1997, 2001 e 2004. Ten varios libros editados, os tres últimos sobre 'O cambio mediático' (2009), 'O novo escenario mediático' (2010) e 'Gobernanza e comunicación en Europa' (2011).

Todos eles son méritos que cumpren sobradamente cos criterios establecidos pola APG para outorgar o Premio Diego Bernal a unha traxectoria profesional. Ademais, cabe destacar que, no campo docente, é profesor de Xestión da Empresa Informativa e Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela.

TRAXECTORIA DE FRANCISCO CAMPOS

Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela, catedrático de Universidade acreditado pola ANECA en 2011, é tamén MBA en Dirección e Xestión de Empresas Industriais e de Servizos, Experto Europeo en Xestión de Responsabilidade Social Corporativa e da Calidade certificado por European Organization for Quality (EOQ) e Asociación Española da Calidade (AEC).

Impartiu cursos de Xestión da Empresa Informativa e Audiovisual e de Novos Medios de Comunicación en varias universidades estranxeiras e foi profesor visitante en Facultades de Portugal, Arxentina, Colombia, Brasil, República Dominicana e Ecuador. é membro da directiva da Asociación Española de Investigadores da Comunicación (AE-IC).

Como integrante do Grupo de Investigación de Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela é un dos creadores e coordinador do sistema orixinal propio Nostracker de análise e xestión de contidos en liña a través de medios dixitais, blogues e redes sociais. Como investigador, as súas áreas de especialización son Xestión e Financiamento de Medios, Sistemas de Comunicación, Organización e Xestión da Empresa Informativa e Audiovisual, Empresa Familiar de Comunicación, Sistemas de Calidade da Información e Comunicación e Responsabilidade Social Corporativa e Industrias Culturais e da Comunicación.

XXV EDICIÓN DO CERTAME

No ano 2020, cúmprese a edición XXV deste premio que a Asociación de Xornalistas de Galicia decidiu constituír en 1996, denominado inicialmente Premio Anual APG, coa finalidade premiar a traxectoria profesional de xornalistas galegos que exerceron en Galicia ou fóra da nosa Comunidade Autónoma. Tras o falecemento de Diego Bernal, vicepresidente da entidade, a Asociación acordou cambiar a denominación do premio, que pasou a chamarse premio Diego Bernal, en homenaxe á súa memoria.

O Premio Diego Bernal non ten dotación económica e consta dunha figura de artesanía tradicional de platería de Compostela. Outórgase ao profesional que se considera máis merecedor entre todos os candidatos propostos pola Xunta Directiva da APG, durante unha sesión celebrada no último trimestre do ano; e faise público antes de que finalice o ano, para ser entregado con motivo do 24 de xaneiro, festividade de San Francisco de Sales, Patrón dos Xornalistas.

Francisco Campos Freire, premio Diego Bernal 2020
Comentarios