'Galician Bizarre 3' compila a música galega subterránea

Unha campaña de crowfunding financia o terceiro volume desta serie de discos polos que pasaron bandas como Novedades Carminha 

Oh! Ayatollah!, banda con integrantes lugueses. EP
photo_camera Oh! Ayatollah!, banda con integrantes lugueses. EP

O Galician Bizarre naceu hai unha década como un movemento que agrupaba bandas da escena underground galega, nas que as influencias musicais anglosaxoas máis variadas pasaban por un filtro do país. Ese espírito quedou plasmado en numerosos concertos e dous discos recopilatorios nos que apareceron grupos como Novedades Carminha, Terbutalina, Srasrsra, Fantasmage ou Telephones Rouges.

Seis anos despois do segundo volume, o movemento reactívase e arranca a campaña de financiamento do Galician Bizarre 3, un álbum que agrupará cancións de 17 artistas e bandas galegas, case todas elas inéditas, e que xa recadou máis de 1.600 euros nos seus dez primeiros días de crowdfunding na plataforma Verkami.

O disco, cunha portada deseñada polo artista vigués Óscar Raña, funciona como testemuño da riqueza e variedade que fan do underground galego actual un fervedoiro de creatividade.

Así, entre os proxectos que participan hai pop, lo fi, trap, neopsicodelia, punk, post grunge ou electrónica, con enfoques de todo tipo e un peso cada vez maior da lingua galega.

Algunhas das bandas, como Bifannah, Jay, Selvática ou Puma Pumku, recuperan e actualizan os sons psicodélicos. Outras exploran diversas vertentes da electrónica, como é o caso de Pálida, KADETTGSI ou Pantis, que tamén ten un marcado espírito pop compartido por bandas como Dois, Atrás Tigre, Oh Ayatollah!, Estrambote ou Esposa, algunhas cun punto intimista, outras con letras máis surrealistas. O carácter punk, non exento de melodías memorables, está presente tamén nas cancións de Lamprea Explosiva, Travesti Afgano e Contenedor de Mierda, con Bulto representando o extremo máis agresivo.

Comentarios