Lupe Gómez, por 'Camuflaxe', e Emma Pedreira, por 'Biliópatas e fobólogos', Premios da Crítica Española 2017

Javier Marías e Luís Bagué, galardoados polos Premios da Crítica en Lingua Castelá 
 

Emma Pedreira. AEP
photo_camera Emma Pedreira. AEP

As escritoras Lupe Gómez, coa obra de poesía Camuflaxe, e Emma Pedreira, por Bibliópatas e fobólogos, foron recoñecidas cos Premios da Crítica Española 2017 en lingua galega que se deron a coñecer este sábado en Murcia. 

O novelista Javier Marías por Berta Illa e o poeta catalán Luís Bagué Quílez por 'Clima mediterráneo' foron galardoados cos Premios da Crítica que outorgan anualmente os críticos literarios aos mellores libros de narrativa e poesía en castelán. 

Os premiados en lingua catalá foron en narrativa Els fills de Llacuna Park (Os fillos de Llacuna Park) de María Guasch e en poesía Convivència d'aig~es (Convivencia de augas) de Zoraida Burgos. 
Finalmente, en lingua vasca os premiados foron Aingeru Espaltza por 'Mendi-joak' (Mal de altura) e Luís Garde polo libro de poesía Barbaroak baratzean (Bárbaros no xardín).

LUPE GÓMEZ PREMIADA POR CAMUFLAXE. Lupe Gómez (Fisteus, 1972), é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela e desenvolveu o seu labor profesional no ámbito do xornalismo, colaborando con diferentes medios. 
Como poeta estreouse en 1995 con Pornografía, un poemario autoeditado, para despois desenvolver unha longa traxectoria poética con obras como Os teus dedos na miña braga con regra (1999), 'Poesía fea' (2000), Levantar as tetas (2004), Azul e extranxeira (2005), O útero dos cabalos (2005), e A grafía dos mapas (2010). 
Con Camuflaxe recoñécese unha obra dunha "das voces máis singulares e de extensa traxectoria na poesía galega contemporánea", segundo destacou a Asociación galega da crítica. No seu oitavo libro sobrevoa a vontade de expor un exercicio mimético para "identificarse nunha contorna no que se constata a desaparición da cultura do mundo rural e a forza do telúrico".

BIBLIÓPATAS E FOBÓLOGOS, DE EMMA PEDREIRA 
Bibliópatas e fobólogos constitúese como unha aposta narrativa de Emma Pedreira (A Coruña, 1978), licenciada en Filoloxía Hispánica e poeta, normalmente encadrada na Xeración dos 90. 

Nesta obra desenvolve o xénero do relato curto para reflexionar, a través de diversas historias, sobre a presenza dos libros e da escritura na vida cotiá, facendo uso do humor e a ironía para construír verdadeiras metáforas do tempo actual, apunta a Asociación Galega de Crítica. 
Con anterioridade, publicara xa unha ducia de poemarios, entre os que destaca Casa das orfas (2006), Libro das mentiras (2010), Bestiario de Silencios (2001), As cinzas adentras (2004) ou Corazón e demais tripas (2016)

Comentarios