viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Meu pequeno xabarín salvaxe 

"Que feliz me fai que esteas contento, e que a miña carta te teña animado, e que devezas por min, e que esteas vivindo en habitacións empapeladas, e que bebas champán en Colonia, e que aí haxa os clubs hegelianos cos que soñaras e que, en definitiva, ti sexas meu, meu amoriño, meu querido xabarín salvaxe". As cartas de amor que se intercambiaron Jenny von Westphalen e o seu home, Karl Marx, durante máis de corenta anos de relación revelan que o pai do materialismo histórico foi, sobre todo, un romántico decimonónico. Que outra cousa había ser un xudeu luterano de Prusia, errante como a pantasma que percorre Europa?

"UN IMPOÑENTE e barbado patriarca e xurista, un pensador de consistencia implacable cunha visión inspiradora sobre o futuro". Velaí Marx, en palabras dun dos seus máis recentes biógrafos, o británico Gareth Stedman Jones. O Karl, porén, está feito co mesmo material que os heroes de novela do século XIX. Un chisco de Robert Louis Stevenson. Unha pinga de Benito Pérez Galdós. Un toque de Charlotte Brönte. Un moito de Charles Dickens. 

Tanto Stedman Jones, autor de Greatness and Illusion (Harvard University Press); como Jonathan Sperber, responsable de Karl Marx (Galaxia Gutenberg), e Francis Wheen, quen asina un achegamento na editorial Debate, coinciden en que enfrontarse á figura do intelectual prusiano desde as coordenadas xa non do século XXI, senón das do XX, sería un completo disparate. Como as máquinas de vapor e as pinturas de Delacroix, como a música de Wagner e os libros de Dostoievski, Karl Marx é un produto do decadente e revolucionario século XIX: Tréveris, Berlín, Colonia, París, Bruxelas e, finalmente, Londres. 

"Así como Darwin descubriu a lei do desenvolvemento da natureza orgánica, Marx descubriu a lei do desenvolvemento da historia humana". Son palabras de Friedrich Engels, pronunciadas ante as dez persoas que acudiron o 17 de marzo de 1883 á inhumación dos restos de Marx, soterrado como un apátrida no cemiterio de Highgate de Londres.

Relataba Louis Menand en The New Yorker que Marx semellaba a "caricatura" dun académico alemán. "Un sabichón imperial co cabelo sen domar e o abrigo desabotoado. El mesmo definírase unha vez a unha das súas fillas como 'unha máquina condenada a devorar libros e logo trousalos, mudados de forma, no esterqueiro da historia'. Escribía toda a noite entre nubes de fume de tabaco, libros e papeis apiados arredor del. 'Son os meus escravos', dicía, 'e deben servirme como me praza'". 

Engade Sperber que a cotío estaba doente: sufría de mal fígado, tiña broquites e "forúnculos grandes coma un puño", quizais a causa dunha enfermidade autoinmune ou talvez polos seus problemas hepáticos. Polo demais, era cariñoso e rebuldeiro, afeccionado a Shakepeare e a inventar contos para as súas nenas; gustábanlle o viño tinto e os cigarros barateiros. A muller e as fillas adorábano. "Un espía do Goberno prusiano que visitou a Marx no seu domicilio de Londres en 1852 sorprendeuse ao atopar 'o máis amable e agarimoso dos homes'". 

Cando se cumpren douscentos anos do nacemento de Karl Marx (1818-1883), emerxe un individuo que para os seus colegas era o tipo menos atractivo baixo as estrelas, fillo dun xudeu que cantaba a Marsellesa nas tabernas e convertido ao luteranismo na católica Tréveris: a nai da familia tiña por certo que os protestantes eran máis serios cós papistas, pero mandárao aos Xesuístas. Marx foi un mal estudante de Dereito que gozaba dos clubs de cabaleiros beodos. Algún, de inefable nome, como a Unión Estudiantil Treverina de Amigos da Xoldra.

Foi por ese tempo cando prendeu a faísca entre o mozo Marx e Jenny von Westphalen. El tiña dezaoito anos e ela, vinte e dous e era filla dun barón, descendente directa dos Estuardo que reclamaban a coroa de Escocia. A relación coa familia política tivo clarescuros: o mozo Karl aprendía de filosofía e literatura inglesa co sogro, o barón Heinrich, e foi amigo íntimo dun dos cuñados, Edgar. Pola contra, outro dos irmáns de Jenny, o barón Ferdinand Otto, propiciaría o exilio dos Marx a Londres cando como ministro de Interior de Prusia ordenou o arrestro e deportación do marido da irmá. 
Jenny e Karl casaron en 1943 e pouco despois asentáronse en París. Os hegelianos caeran en desgraza en Prusia polas súas criticas á relixión. Existe a lenda de que estaba tan desesperado por atopar un emprego que solicitou un posto para revisor de ferrocarril, mais foi rexeitado pola súa mala caligrafía. Sperber non atopa probas nas que apoiar tal relato. 

A Marx pechóuselle a porta do eido académico, de xeito que se embarcou no xornalismo político, que sería a súa única (e escasa) fonte de ingresos ao longo da súa vida e que o poñería no camiño do exilio unha e outra vez. Foi redactor xefe en Rheinische Zeitung e escribiu para Deutsche Jahrbücher, ambas as gacetas pechadas polas autoridades, mentres que en Francia se enrolou en Deutsch-französische Jahrbücher (Anuarios Francoalemáns). O traballo que máis lle durou foi o de correspondente político e económico en Europa para o neoiorquino Daily Tribune, o xornal con máis exemplares en circulación no mundo mediado o século XIX. 

O Goberno francés recibe unha petición de Prusia para extraditar a Marx e a familia refúxiase en Bruxelas ata que as revolucións de 1848 precipitan os acontecementos. Karl recibe unha herdanza do pai de 6.000 marcos e gasta dous terzos en apoiar os traballadores en folga. Desta volta foxe a Colonia, esperanzado de que o espírito rebelde prenda en Prusia. Axiña desenganado, regresa ao París contrarrevolucionario asolado por unha epidemia de cólera e, xa en 1949 e da man do seu amigo Freidrich Engels, a Londres, ata o final dos seus días. 

Mary Gabriel, en Amor y capital (El Viejo Topo), adéntrase no Marx doméstico. Nos case que corenta e cinco anos de vida que partillaron Jenny e Karl, como fuxidíos por Europa adiante, desafiauzados e empobrecidos. As cartas que intercambiaron os amantes desde 1835 reconstrúen unha paixón adolescente de novela gótica. Durante sete anos, mentres Marx remataba os seus estudos, abandonaba o Dereito e abrazaba a Hegel para conseguir un doutoramento en Filosofía, a relación foi case que unicamente epistolar. Jenny chamáballe a Karl "meu pequeno xabarín salvaxe". Sperber está certo de que atoparon o xeito de manter encontros sexuais prematrimoniais. 

Vinte anos despois daqueles primeiros escarceos, escribíalle Karl a Jenny: "Volvo ser home porque vivo unha gran paixón, e esa dispersión á que nos arrastran o estudo e a cultura moderna, así como o escepticismo que fatalmente nos leva a denigrar todas as nosas impresións subxectivas e obxectivas, non serve máis que para facer de todos nós criaturas insignificantes e enclenques, queixosas e timoratas. Polo contrario, o amor; pero non polo home de Feuerbach nin polo metabilismo de Moleschott nin tampouco polo proletariado, senón o amor cara á amada e especialmente cara a ti, permítelle ao home volver ser home".

Soterraron catro meniños e viviron en buratos infectos, escorrentando os acredores e tantas veces da caridade de Engels, fillo dun industrial prusiano asentado en Inglaterra. O home que organizaba a economía para o futuro desde o salón de lectura do Museo Británico non era quen de xestionar as contas da súa casa. Sinala Francis Wheen como a nai de Marx lamentaba que o fillo que non facía senón teorizar sobre o capital non fose quen de xuntar o seu propio, aínda que fose modesto. 

A familia de Marx eran Jenny e as fillas que chegaron á idade adulta: Laura, Eleanora e Caroline. Tamén Helene, unha asistenta doméstica que os acompañaba desde Tréveris, unha sorte de "agasallo" da nai de Jenny. E Friedrich, o benfeitor. Mentres que Mary Gabriel defende que o fillo de Helene foi enxendrado por Karl, outros dos biógrafos consideran plausible a versión oficial que transcendería daquel episodio, que lle outorgou durante décadas a paternidade a Engels. O coitado de Freddy, que foi dado en adopción e nunca sabería quen foi seu pai, acabou fundando o Partido Laborista do proletario distrito de Hackney.

"Inmediatamente despois da súa morte en 1883, os seus seguidores trataron de esterilizar o seu historial, eliminando as referencias á súa pobreza, ás súas borracheiras, mesmo ao feito de que tuviese un alcume —o Mouro— co que era coñecido desde Tréveris", sinala Gabriel.

Esta autora, sen embargo, atopou en pescudas epistolares que a levaron a arquivos balorecidos de Moscú "a historia de tres mulleres novas que adoraban o seu pai e que se dedicaron á súa grande idea, mesmo a costa dos seus propios soños, mesmo a costa dos seus propios fillos. A historia dun grupo de personaxes brillantes, combativos, exasperantes, divertidos, apaixonados e, en definitiva, tráxicos e atrapados nas revolucións que arrasaron a Europa do século XIX. A historia dunhas esperanzas truncadas polo encontro co baluarte dunha realidade amarga, persoal e política". 

Jenny morreu de cancro hepático en 1881, Marx enfermou axiña e finou quince meses despois, dunha pleuresía. No entanto, un tumor de vexiga levou a máis vella das fillas, Caroline. 

Eleanora e Jenny escolleron o ácido prusiano para poñerlles fin ás súas vidas. A primeira suicidouse en 1898, ao saber que o seu amante, Edward Aveling, casara con outra muller. Laura e o seu home, o socialista francés Paul Lafargue, decidiron facer outro tanto en 1911, cando se viron anciáns e achacosos.

Así como o marxismo ten sido unha das fontes de pensamento fundamentais e máis prolíficas do mundo contemporáneo, a Karl estivo por non chegar a netos. 
 

Meu pequeno xabarín salvaxe 
Comentarios