Morcheeba e Jane Birkin actuarán este outono en Pontevedra

O Pazo da Cultura tamén acollerá este outono o concerto de Jane Birkin, unha homenaxe a Serge Gainsbourg

 

Presentación do concerto de Morcheeba, este xoves en Pontevedra. DP
photo_camera Presentación do concerto de Morcheeba, este xoves en Pontevedra. DP

A banda inglesa Morcheeba actuará en Pontevedra o vindeiro 23 de novembro, dentro do Ciclo Voices, que segue achegando a Pontevedra "as mellores voces do panorama internacional". 

Tras o paso pola cidade de Jorge Drexler o pasado mes de xaneiro, unha das bandas históricas do son trip-hop inglés, Morcheeba, únese a este cartel de luxo. O grupo presentará  no Pazo da Cultura o seu novo álbum Blaze Away, que sairá á rúa o próximo 1 de xuño.

Morcheeba. DP

Morcheeba creouse en 1995 e lanzou oito álbums desde entón, chegando a estar na lista dos dez máis vendidos de Reino Unido con dous deles. Xurdiron na escena do trip hop, unindo a música electrónica con funk, soul e jazz. "As súas composicións seguen a transportarnos a esas paraxes exóticas tan característcas da banda. O seu ADN segue a ser ese downtempo atravesado por sucos de trip-hop, deixes africanos, e rifs de guitarras e sons de sitar coroados pola voz íntima de Skye", destaca a organización do Ciclo Voices.

1200x630bbAdemais, o sábado 27 de outubro, Voices traerá a Jane Birkin coa súa especial proposta Jane Birkin sings Gainsbourg Symphonique, unha homenaxe ao compositor máis celebrado de Francia en mans da delicada e melodiosa voz de quen fora a súa parella. Birkin contou coa colaboración do compositor e pianista xaponés Nobuyuki Nakajima e, en Pontevedra, estará tamén acompañada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, baixo a batuta do director Javier Viceiro-Filgueira.

Tras case unha década de silencio e aos seus espléndidos 70 anos, Jane Birkin volve cantar a Serge Gainsbourg no seu novo álbum, Birkin / Gainsbourg – Le Symphonique, editado a pasada primavera. Nel reinterpreta o repertorio que no seu día lle legou o pai da súa flla Charlote e que inclúe cancións como From L'Anamour, Lost Song ou La Javanaise.

O directo foi eloxiado pola crítica internacional como "un proxecto fascinante que serve como testemuña do amor de Gainsbourg por Brahms e Chopin".

Comentarios