Morre aos 81 anos o pintor e escultor Eduardo Arroyo

É un dos máximos expoñentes da chamada "figuración narrativa" e un dos pintores máis relevantes do século XX

Eduardo Arroyo. EFE
photo_camera Eduardo Arroyo. EFE

O pintor Eduardo Arroyo morreu este domingo en Madrid aos 81 anos, confirmaron a Efe fontes familiares, que indicaron que o artista faleceu na súa vivenda, rodeado dos seus achegados.

Segundo estas fontes, están a facerse os trámites oportunos para trasladar os seus restos ao tanatorio madrileño da M-30.

Eduardo Arroyo, pintor, escultor figurativo e escritor, naceu en Madrid o 26 de febreiro de 1937. En 1958 exiliouse voluntariamente en París (Francia), onde permaneceu ata a chegada da democracia.

Na capital gala, ademais de dedicarse ao xornalismo, comezou a súa actividade como pintor. Alí conectou cos círculos intelectuais e artísticos de vangarda e desempeñou un papel importante dentro dos sectores progresistas da cultura francesa.

Como pintor expuxo regularmente nos principais centros artísticos de Europa e América. Con todo, en España foi practicamente descoñecido durante anos.

A súa primeira exposición, en 1963, foi clausurada pola censura. Anos despois, ao ser nomeado comisario da Bienal de Valencia, foi detido nesta cidade e reclamado polo Tribunal de Orde Pública.

Xa en democracia, en España realizou diversas mostras, como a antolóxica de 1982 na Biblioteca Nacional de Madrid.

Premio Nacional de Artes Plásticas 1982, era cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno francés.

Nunca abandonou a súa vocación literaria e como escritor publicou en 1974 Trinta e cinco anos despois, denuncia contra o réxime franquista. En 1986 estreou en Múnic o seu primeiro drama, Bantam.

Entre as súas últimas exposicións atópase a reunida en París en outubro de 2015, unha mostra sobre os seus mellores retratos dos últimos cincuenta anos da súa vida.

Eduardo Arroyo é un dos máximos expoñentes da chamada "figuración narrativa" e un dos pintores máis relevantes do século XX. 

Comentarios