Domingo. 22.04.2018 |
El tiempo
Domingo. 22.04.2018
El tiempo

Pontevedra, capital das letras co ano dedicado a María Victoria Moreno

María Victoria Moreno. ÁLBUM FAMILIAR
María Victoria Moreno. ÁLBUM FAMILIAR

O acto central do próximo 17 de maio celebrarase no Teatro Principal da cidade

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, anunciou este venres que a cidade de Pontevedra converterase en 2018 na "capital" das letras e da lingua galega coa celebración dun ano de actividades ao redor da escritoria e mestra María Victoria Moreno, á que se dedicará o Día das Letras Galegas. Tras reunirse co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, Freixanes explicou que Pontevedra acollerá o acto central do Día das Letras Galegas co que se recoñecerá a unha estremeña "por azar" e que foi "de corazón" galego e pontevedrés "porque decidiu selo".

O Teatro Principal de Pontevedra será o escenario, o 17 de maio, desta celebración institucional e, ademais, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra virará ao redor da figura desta escritora e haberá actividades ao longo do ano. Esta programación, engadiu o presidente da RAG, buscará implicar a toda a cidadanía de Pontevedra, lugar onde María Victoria Moreno desenvolveu a parte central da súa carreira como mestra e a súa obra literaria en galego.

Víctor Freixanes tamén destacou que a elección de María Victoria Moreno foi resultado de moita "reflexión e debate" no seo da academia e baseouse en catro factores.

O primeiro foi, dixo, a "gran calidade" dunha obra dirixida a lectores novos, ao que sumou que a súa condición de mestra deixou unha "pegada importantísima" en moitos alumnos. Ademais, tívose en conta tamén que non naceu en Galicia polo que a RAG espera que sirva como recoñecemento a todas aquelas persoas que asumiron a lingua e a identidade galega como propia; ou o feito de que sexa muller, como mostra da intención da academia de "darlles o oco que se merecen".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que María Victoria Moreno era unha persoa que "defendía" o galego e a cultura de Galicia "sen ningún tipo de ambaxes" como deberían facelo, engadiu, "a maioría dos galegos".

Pontevedra, capital das letras co ano dedicado a María Victoria...