A Roda celebra os seus corenta anos promovendo a música en galego

"Non hai festa que non cante o Pousa, pousa ou o Miudiño, letras convertidas en auténticos himnos de calquera calebración dos galegos e galegas", salientou Valentín García na presentación do novo disco da banda

O secretario xeral de Política Lingüística (3ª pola esquerda) acompañou o grupo vigués na presentación do disco 'A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira'. XUNTA
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística (3ª pola esquerda) acompañou o grupo vigués na presentación do disco 'A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira'. XUNTA

O próximo ano 2018 a formación de música tradicional A Roda conmemorará 40 anos desde a súa fundación a finais do 1977. Toda unha vida dedicada a promover e difundir a música galega e o noso patrimonio cultural inmaterial, a través da chamada "música de raíz", un expoñente da música popular galega, da música de taberna e un dos grupos máis antigos –aínda en activo– e coñecidos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou na mañá deste luns o grupo vigués na presentación do disco A Roda live / A Roda ao vivo en Ortigueira e salientou na súa intervención que "A Roda leva catro décadas promovendo a música galega e en galego. Non hai festa que non cante o Pousa, pousa ou o Miudiño, letras en galego convertidas en auténticos himnos de calquera calebración dos galegos e galegas, aquí e fóra das nosas fronteiras", á vez que resaltou que estamos ante "un grupo comprometido sempre coa lingua propia de Galicia que a finais dos 70 impulsou a mellor campaña de dinamización lingüística feita desde o eido musical co seu disco Falemos galego".

Na presentación participaron os seis integrantes da formación, Xan Barcón, David Cabaleiro,  Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa.

CATRO DÉCADAS. A formación A Roda naceu no ano 1977 dun grupo de amigos que se xuntaba arredor dunha mesa, facendo a roda que lles dá nome. O primeiro traballo, homónimo, A Roda converteuse nun supervendas e é aínda hoxe un dos clásicos da música galega; con el gañaron o favor do público e conseguiron o Premio da Crítica Galega. A partir dese momento, centos de concertos, tanto en Galicia como fóra, nomeadamente na emigración, numerosos premios e dezasete discos máis avalan a traxectoria dun dos grupos en activo máis comprometidos coa lingua galega. 

A Roda live / A Roda ao vivo en Ortigueira é o título do novo disco, no que a banda se consolida no eido do etno-folk e conmemora os seus corenta anos, na que é a primeira gravación en directo editada en formato cedé que proximamente se completará con vídeo. Recompila dezaseis éxitos d'A Roda entre os que podemos atopar os míticos O gato, O andar miudiño ou o Pousa, pousa, xunto a outra serie de temas inéditos –varios compostos pola banda– e dous bonus track, 40 anos máis e Os cabaleiros d'A Roda, inéditos e compostos especialmente para a ocasión. O repertorio viaxa do eclecticismo deste folk-rock, en temas como Alalá do Mariñeiro, ata á tradición galega con Pandeirada de Mens, pasando pola balada pop en Terras labregas, o folk instrumental en Jota da seisada e rematando na máis universal e coñecida Rianxeira.

Comentarios