Vive Nigrán estrea formato post-COVID con todas as entradas vendidas

O festival contará coa presenza da viguesa Dani, Anni B Sweet, Villanueva e Rufus T. Firefly
ViveNigrán
photo_camera ViveNigrán
A edición especial do festival Vive Nigrán, readaptada aos protocolos de seguridade que esixe a pandemia do coronavirus, estrearase este venres con todas as entradas e abonos esgotados desde hai días.

Bautizada como 2020 Picnic Club Edition, este ano o festival celebrarase nas pistas de tenis de Praia América nun formato reducido para cumprir con todas as medidas sanitarias. 

A artista viguesa Dani, de 22 anos, será a encargada de abrir o festival ás 21.00 horas cun concerto no que presentará o seu primeiro disco: Veinte, que saíu ao mercado hai tan só uns días. 

Seguiraa a cantante de indie/folk Anni B Sweet para ofrecer o único concerto que a cantante ofrecerá este verán acompañada da súa banda e no que repasará os temas do seu último traballo: Universo por estrenar, cargado de psicodelia e ritmos setenteiros, e por primeira vez cantado integramente en español.

Xa o sábado, o galego Villanueva presentará o seu novo álbum Cuarto de invitados, o terceiro da súa carreira, no que predomina o rock, e máis tarde Rufus T. Firefly levarán psicodelia, rock e pop ao escenario para pór o broche final ao festival. 

Como en anos anteriores, ademais de música, Vive Nigrán programou actividades paralelas, como unha ruta marítima en kaiak e paddle surf e surf para vinte persoas ou actividades acuáticas para todos os públicos.

Comentarios