A Xunta apoiará economicamente os festivais galegos incluidos no 'Fest Galicia'

Para este ano apostarase por concertos online e outras actividades ►En 2021 espérase que os eventos poidan regresar cuns carteis "tan sobresaíntes" como os previstos para 2020
Román Rodríguez, durante a videoconferencia. XUNTA
photo_camera Román Rodríguez, durante a videoconferencia. XUNTA

A Xunta continuará prestando apoio aos festivais profesionais de música de verán que integran a súa marca Fest Galicia, canalizando a achega económica a través do programa Fest Galicia online Xacobeo 2021, co que se apostará por concertos online e outras actividades relacionadas.

Esta iniciativa, incluída no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, contará cun investimento de 400.000 euros para desenvolver, a partir do mes de xullo, concertos online e outra serie de actividades, particularizadas e consensuadas coa Asociación de Festivais de Galicia e con cada unha das citas integradas na iniciativa.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, reuníronse este mércores cos representantes desta asociación e de festivais implicados para avanzar no deseño desta programación.

A iniciativa busca reformular a achega económica aos eventos Fest Galicia, que inicialmente se ía a materializar en contratos de patrocinio condicionados á súa celebración baixo unha serie de criterios.

Nos últimos días anunciaron xa o seu aprazamento a 2021 varios dos eventos Fest Galicia, como o Atlantic Fest, o PortAmérica, o SonRías Baixas, o Resurrection Fest, o Sinsal SON Estrela Galicia e o WOS Festival.

Por iso, a prioridade deste novo proxecto é apoiar economicamente ás empresas produtoras para que o ano que vén poidan regresar cunhas edicións e carteis "tan sobresaíntes" como os inicialmente previstos para 2020, destacou a Xunta nun comunicado.

Fest Galicia online Xacobeo 2021 ofrece a estas citas unha nova plataforma de difusión para seguir en contacto co seu público cun programa coordinado de concertos online, prioritariamente de bandas galegas, así como doutras actividades que terán en conta as características de cada un dos eventos.

Comentarios