A Xunta prepara medidas para paliar os efectos do coronavirus no sector cultural

O obxectivo é preservar a actividade e o emprego das industrias culturais e estimular o consumo tras finalizar o estado de alarma
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. XUNTA
photo_camera O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. XUNTA

A Xunta de Galicia está a preparar un amplo paquete de medidas específicas dirixidas a paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo coronavirus no sector cultural galego, coa finalidade de preservar a actividade e o emprego das industrias culturais, garantir o cumprimento das programacións previstas e estimular o consumo cultural ao final do estado de alarma.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse este luns con representantes do Consello da Cultura, a Real Academia Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes A nosa Señora do Rosario, no marco dunha serie de encontros e contactos coas principais institucións e entidades profesionais do sector cultural.

Do mesmo xeito, responsables dos distintos departamentos da consellería están a manter contacto directo desde o inicio da crise con representantes de 13 asociacións que agrupan produtoras audiovisuais, compañías escénicas, empresas musicais, festivais de música e de audiovisual, editoriais, músicos, actores e actrices, técnicos de eventos, xestores culturais ou salas privadas de espectáculos.

Con iso, solicítanse todas as achegas para planificar a reactivación e o impulso das industrias culturais e creativas na comunidade, á vez que se dá resposta, axilizando todos os pagos de actividades realizadas no que vai de ano.

Ademais, a Xunta facilitará "ao máximo" as xestións económicas e administrativas dos sectores culturais para axudar nas cuestións vinculadas a prazos, documentacións requiridas ou na posibilidade de reprogramar todas as actividades que foron suspendidas.

REESTRUCTURACIÓN ORZAMENTARIA. Do mesmo xeito, a Consellería de Cultura informou xa no Consello da Xunta da reestruturación dos seus créditos orzamentarios, co obxectivo acometer as medidas necesarias para axudar na reactivación deste sector produtivo. A previsión orzamentaria alcanza os 25 millóns para o conxunto do departamento autonómico e centrarase prioritariamente no mantemento do emprego.

En concreto, trabállase no desenvolvemento de accións centradas no fomento do consumo cultural: o estímulo, a través dun incremento na dotación, das redes profesionais de distribución de espectáculos, e na creación ou adaptación de liñas de axudas para fortalecer tanto a distribución interior como a produción cultural galega.

Ademais, entre os programas actualmente en proceso de elaboración, reforzarase a orientación do Xacobeo 2021 como "ferramenta de recuperación económica e produtiva do tecido propio".

Comentarios