Cori Gauff elimina a Venus Williams en Wimbledon aos seus 15 anos

Foi o duelo con máis diferencia de anos na historia do torneo

Cori Gauff, ao termo do partido. EFE
photo_camera Cori Gauff, ao termo do partido. EFE

A estadounidense de 15 anos Cori Gauff deu un golpe sobre a mesa e levou este luns por diante á súa compatriota Venus Williams (6-4 e 6-4) na primeira rolda de Wimbledon.

A número 301 do mundo compuña unha das partes do duelo con máis diferencia de anos na historia de Wimbledon.

24 anos entre a maior das Williams e a prometedora júnior, procedente da previa, establecían unha marca no All England Club e un espectáculo na pista 1 de Wimbledon.

Unha sucesora para as Williams crecía na herba logo de meteóricamente chegar ata aquí.

Ninguén a esperaba. Tocoulle a primeira cabeza de serie da previa, a española Aliona Bolsova, e foi pasando roldas ao contraxeito, a medida que en Roehampton, complexo onde se xoga as clasificatorias, corría o rumor de que unha moza de 15 anos estaba a xogar a bo nivel.

Entre as súas seguidoras, a española Paula Badosa, que tamén se foi a albiscar se ese fenómeno do que todo o mundo falaba era certo.

"Gústame achegarme a ver ás tenistas que empezan a destacar", explicou a Efe a neoiorquina nacionalizada española.

E a estadounidense xa destaca. Aterrou en Wimbledon con 31 partidos en toda a súa carreira, contando os niveis desde ITF, e xa grazas a esta vitoria subirá ao posto 215 da WTA.

É a tenista máis nova da historia en chegar a un cadro final tras pasar a previa e desde este luns o verdugo de Venus en Wimbledon.

Amagou con asustarse tras apuntarse o primeiro servizo e ir 'break' arriba no segundo. Venus recuperou a desvantaxe, pero con 4-4 Gauff volveu romper e dispuxo de tres bólas de partido ao servizo. Todas desperdiciadas ata que os nervios a abandonaron e pechou o encontro. A, ata a data, vitoria máis importante da súa carreira.

Pero, con 15 anos e moita vida tenística por diante, quizais non a última. 

Comentarios