Miguel Cardoso foi presentado este martes como novo adestrador do Celta, tras a destitución do Turco Mohamed.
O seu pasado deportivista –foi segundo técnico branquiazul de Domingos Paciencia en 2013–, que o Celta ocultou este luns ao facer repaso da súa traxectoria, regresou durante a presentación como unha pantasma.
134-. Miguel Cardoso. Era muy difícil superar en waltrapismo al Turco Mohamed, pero el portugués lo ha conseguido en su primer minuto como entrenador del Celta pic.twitter.com/4Qc0yV4Zzk
— Rome (@Boudebouzismo) 13 de novembro de 2018
E é que o preparador portugués agradeceu a confianza mostrada polo presidente e o director deportivo para polo á fronte da nave do "Real Club Deportivo". Aínda nin ben acabara de pronunciar o nome do eterno rival, Cardoso rectificou –"do Real Club Celta"–, pero foi demasiado tarde e o seu lapsus non tardou en correr como a pólvora por Twitter.
O técnico luso, destituído o pasado mes de outubro do Nantes, xa foi un dos candidatos para suplir a Juan Carlos Unzué o pasado verán, pero entón o director xeral do club, Antonio Chaves, rexeitou a súa fichaxe tras reunirse con el en Portugal.
Antes de dirixir ao Nantes, Cardoso tivo unha etapa exitosa no Rio Ave, co que disputou a Europa League. Foi segundo adestrador de Domingos Paciencia no Deportivo e de Fonseca no Shakthar Donetsk, ao que o Celta eliminou na Europa League hai dúas tempadas.