
A familia do expresidente do Deportivo explica que as próximas horas "son moi importantes" para a súa recuperación
O expresidente do RC Deportivo Augusto César Lendoiro segue grave, aínda que experimentou unha lixeira melloría tras ser intervido de urxencia dunha afección cardíaca este venres.
Fontes próximas á familia do exdirigente deportivista explicaron a Efe que "a situación é grave pero hai unha lixeira melloría con respecto a como estaba antes da operación".
O resultado da operación, que durou algo menos de tres horas, foi satisfactorio, pero o seu estado segue sendo grave
Esa leve progresión permite aos médicos ter "esperanza" respecto da recuperación de Lendoiro, que segue ingresado na Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). As próximas horas, explican as mesmas fontes, "son moi importantes" para a saúde do expresidente do Deportivo.
O exdirixente do conxunto galego, que ten 72 anos, ingresou o xoves no hospital coruñés por unha pneumonía e inicialmente respondeu ben ao tratamento, pero a súa situación empeorou o venres pola tarde produto dunha afección nunha válvula do seu corazón que lle obrigou a ser sometido a unha intervención cirúrxica de urxencia. O resultado da operación, que durou algo menos de tres horas, foi satisfactorio, pero o seu estado segue sendo grave.
Lendoiro, que está na Uci do hospital coruñés, presidiu o Deportivo cinco lustros, entre 1988 e xaneiro de 2014, cando o sucedeu o actual dirixente do club coruñés, Tino Fernández.
Ás súas ordes, a entidade galega conquistou os seis títulos que locen nas súas vitrinas (unha Liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas de España) e participou cinco tempadas consecutivas na liga de Campións.