Lopetegui renova por dous anos

Rubiales destacou a súa "profunda admiración e respecto" polo traballo do técnico

Julen Lopetegui. EFE
photo_camera Julen Lopetegui. EFE

Luis Rubiales, novo presidente da Federación Española de Fútbol (RFEF), e Julen Lopetegui escenificaron a renovación do técnico da selección nacional por outros dous anos, ata a Eurocopa 2020.

Nunha conferencia de prensa celebrada na sede da RFEF en Las Rozas, con presenza tamén de Fernando Hierro, director deportivo do organismo, asinaron a continuidade do seleccionador español que xa tiña pactada co anterior responsable federativo, Juan Luis Larrea, que perdeu na votación con Rubiales. Desta forma, Lopetegui, seleccionador desde xullo de 2016, iniciará o luns a concentración do seu equipo para o Mundial de Rusia coa renovación no peto.

Rubiales destacou a súa "profunda admiración e respecto" polo traballo do técnico. "Non podiamos deixar escapar a Julen e ao seu equipo que fixeron un traballo sensacional. É un día de felicidade. Tardamos moi pouco tempo, cinco minutos, foi moi sinxelo porque a admiración profesional, o respecto polo seu traballo e o seu equipo é máximo e é o mellor para levar á selección", dixo o mandatario federativo.

Despois de posar xunto a Lopetegui cunha camiseta en cuxo dorso figura o seu apelido e a cifra 2020, o presidente asegurou que ten "enormes esperanzas" ante a participación de España no Mundial de Rusia. "Sabemos que hai un billete de ida con tres partidos. Temos tremenda ilusión e el transmite toda a tranquilidade", dixo. "Todo o que necesite a selección ímonos envorcar. Imos coa máxima ilusión deixándolle a súa parcela e non debemos entrar nin tan sequera en opinións, imos como directivos pero como afeccionados a esperar o máximo", indicou.

O seleccionador pola súa banda admitiu que el e o seu equipo agradecen "a confianza, porque ter esta confianza e esta continuidade sempre é positivo". "Non é algo que nos quitou o sono. Os adestradores traballamos no que nos toca e as cousas van sucedendo como deben suceder, como así foi. Non estamos a pensar no que vaia ocorrer no Mundial. Estamos centrados, traballamos durante dous anos para devolver esa confianza e seguiremos traballando igual", engadiu.

Hierro comentou que esta renovación significa que hai "unha continuidade do proxecto" e que entendían que era unha "cuestión de confianza" no técnico "despois dunha fase de clasificación brillante", así como destacou que se fixo con tempo e sen precipitación.

"Desde a dirección deportiva era unha aposta clara desde o primeiro momento. Estamos ao cento por cento, oxalá siga non só ata o 2020, senón ata o 2023. É un gran profesional. Coñece a casa. Foi seleccionador en categorías inferiores. A aposta estaba clara desde o primeiro día", asegurou.

Comentarios