Vero Boquete deixa París e pon rumbo a China

A futbolista galega ultima a súa fichaxe polo Beijing BC para iniciar a súa enésima aventura

Vero Boquete, nun partido co PSG
photo_camera Vero Boquete, nun partido co PSG

A centrocampista compostelá Vero Boquete está a un paso de deixar o Paris Saint-Germain para recalar no Beijing BG, da liga chinesa, informaron fontes próximas á xogadora.

Boquete xa pasou recoñecemento médico co club chinés, que ten previsto facer oficial a fichaxe este mércores aproveitando a estancia do equipo en Barcelona.

O contrato da galega co conxunto francés vencía o próximo mes de xuño. Coa súa marcha a China, seguiría os pasos de dúas excompañeiras súas no PSG: a brasileira Cristiane, que milita actualmente no Changchun Zhuoyue, e a costarriqueña Shirley Cruz, que pechou a súa etapa en Francia hai poucas semanas para xogar no Jiangsu Suning.

Tamén deixaron o Paris Saint-Germain no actual mercado invernal as francesas Perle Morroni (Barcelona) e Laura Georges (Bayern de Múnic).

TROTAMUNDOS. Vero Boquete está preto de ser a última estrela que desembarca na liga chinesa tras militar na última tempada e media no Paris Saint-Germain. O ano pasado disputou as finais da Copa de Francia e a liga de Campións. Perdeu ambas as nos penaltis, ante o Olympique de Lyon.

Anteriormente, Vero Boquete xogou en España, Rusia, Estados Unidos, Suecia e Alemaña.

No fútbol xermano conseguiu o título máis importante da súa carreira. No ano 2015, co FFC Frankfurt, foi campioa da liga de Campións feminina. Vero Boquete é a única española que gañou ese título.

Comentarios