Abanca sitúa a José María Benavent á fronte de Nueva Pescanova

Mantén como CEO a Ignacio González. Reduce o Consello de Administración a cinco membros e prescinde de González-Robatto e doutros oito conselleiros
Novo Consello de Administración de Nueva Pescanova, con José María Benavent no centro, que será presidente executivo. EP
photo_camera Novo Consello de Administración de Nueva Pescanova, con José María Benavent no centro, que será presidente executivo. EP

A empresa galega Nueva Pescanova iniciou este luns unha nova etapa, coa toma de control formal por parte de Abanca que, co 80,46 % das accións, impulsou a renovación do Consello de Administración, situando á fronte da empresa a José María Benavent, e mantendo como CEO a Ignacio González.

Segundo informou a empresa a través dun comunicado, a Xunta de Socios reunida este luns nas instalacións do grupo en Chapela-Redondela (Pontevedra) nomeou un novo Consello de Administración, formado por cinco membros, fronte aos doce que compuñan este órgano ata agora.

Da anterior cúpula directiva de Nueva Pescanova, mantéñense no Consello Ignacio González, que seguirá sendo o Conselleiro Delegado (CEO) do grupo; José María Benavent, que pasa de ser conselleiro da comisión de auditoría, control e finanzas a ser o presidente executivo da empresa; e Marco Neto, director de seguimento do crédito en Abanca e membro do consello desde 2019, en representación de Corporación Empresarial e Financeira de Galicia.

Ademais destas tres persoas, nomeouse a outros dous membros do Consello de Administración: Javier Carral, director de Participadas de Abanca desde 2014; e José Fafián Seijo, que traballa na pesqueira desde a década dos 70 e, desde 2016, é director de Transformación Industrial e membro do comité executivo da compañía.

Os novos conselleiros trasladaron ao anterior equipo directivo, presidido por Jacobo González-Robatto, o seu "agradecemento polo traballo" dos últimos catro anos e pola súa contribución á viabilidade da empresa.

NOVO PRESIDENTE. O novo presidente executivo de Nueva Pescanova, José María Benavent (licenciado en CC.Económicas e Empresariais, e con títulos de IESE e do MIT Business School de Cambrigde), iniciou a súa carreira profesional no Banco de España a finais da década dos 80. Tras pasar por Caixabank, foi director financeiro en Telco R-Cable ata 2015, cando iniciou unha etapa como director financeiro do grupo Euskaltel.

Desde 2018, é conselleiro independente no Consello de Administración de Abanca e, desde xuño de 2019, conselleiro e membro da comisión de auditoría, control e finanzas de Nueva Pescanova.

NOVA ETAPA. Nas últimas semanas, cando se fixo público o acordo entre Abanca e as entidades Caixabank e Sabadell, que permitiu á primeira facerse co 80,46 % das accións, o banco galego avanzou que a súa intención é reforzar a estrutura financeira da compañía e mellorar prácticas de goberno corporativo así como de xestión, para "fortalecer o seu posicionamento competitivo e potenciar o seu crecemento".

Abanca tamén anunciou que manterá "unha participación importante" no accionariado para "avanzar na procura dun socio industrial, que permita construír un proxecto de valor a longo prazo desde Galicia". Entre os obxectivos marcados pola entidade financeira está o de "devolver os órganos de decisión da compañía a Galicia" e reforzar o seu apoio ao complexo mar-industria da comunidade galega.

A entidade financeira ha sinalado este luns que o novo Consello de Administración de cinco membros permitirá "afianzar as mellores prácticas de gobernanza" e definir unha nova "cultura corporativa". Así mesmo, sinalou que este cambio servirá para "acelerar a toma de decisións corporativas, financeiras e comerciais", e subliñou que os cinco conselleiros están avalados por unha traxectoria e capacidade de xestión "contrastados".

Iníciase, desde este luns, unha nova etapa na multinacional pesqueira galega, que pasou por diversas vicisitudes desde que, en 2013, iniciou unha particular 'travesía polo deserto' tras solicitar o preconcurso de acredores e desvelarse a súa elevada débeda.

En 2015, e coa anterior cúpula procesada por falsear as contas e levar á empresa á quebra, o grupo iniciou un novo camiño, con outro nome (Nueva Pescanova) e outros donos (un grupo de entidades financeiras), cun equipo presidido por Jacobo González-Robatto e dirixido por un novo CEO, Ignacio González Hernández.

Abanca toma o temón de Nueva Pescanova tras un ano, o 2019, no que houbo un incremento de vendas que, no entanto, non estivo acompañado polos resultados. O grupo pesqueiro aínda non presentou as contas de 2019, aínda que as súas cifras quedaron reflectidas no informe anual da propia Abanca, que apuntaba unhas perdas de polo menos 32,2 millóns de euros.

Comentarios