"Con 40.000 toneladas menos, non entendo o optimismo de Planas coas cotas de pesca"

Despois duns días intensos de negociacións en Bruxelas, onde a frota galega se xogou o pan co reparto dos topes de captura para o ano que vén, co conselleiro de Mar, Alfonso Villares, volveu disconforme cos recortes que encaixan especies vitais como a pescada, o xurelo ou a xarda
O conselleiro de Mar, Alfonso Villares.EP
O conselleiro de Mar, Alfonso Villares.EP

Convencido de que o Ministerio de Pesca debera terse esforzado máis na negociación para mellorar os totales admisibles de capturas (TAC) e as cotas para 2025 no que toca aos barcos que faenan no Atlántico, o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, (Cervo, 1970) bota en falta que se "rebatesen hai moito tempo" os informes que presentou o equipo do comisario saínte, o lituano Virginijus Sinkevicius, ao que considera "o peor de todos cantos houbo". O seu substituto, Costas Kadis, xa foi invitado a vir a Galicia para coñecer o sector.

Vostede volveu algo máis descontento de Bruxelas que o ministro de Pesca, Luis Planas.
Non entendo o positivismo do ministro. As cifras que se traen de Bruxelas son negativas con respecto ao ano pasado. No que é o cómputo global de tódalas especies saen 40.000 toneladas menos. Polo tanto, mostrar o positivismo que amosou o ministro non o entendo. Non sei que explicación pode haber para que iso sexa así.

Para a frota galega, o máis lesivo é o recorte da pescada no Gran Sol?
Para iso nós fixemos un estudo da merluza no que máis ou menos fixemos unha cuantificación do que ía supoñer, un informe que lle expuxemos ao ministerio. A grosso modo, serían 53 millóns de euros que impactarían negativamente na economía. Tamén é certo que hai outras especies que ven algo coartadas as súas cifras e a economía que conlevan. Polo tanto, en global, entendo que hai que avogar sempre por que a nosa xente poida pescar achegando informes e toda a documentación necesaria. Porque é a frota máis respectuosa co medio de todas cantas frotas hai. Por ese motivo, penso que había que rebater os informes que foron redactados polo equipo do anterior comisario europeo de Pesca, que foi o peor de todos cantos houbo e que foi moi negativo para a pesca galega. Había que facelo hai moito tempo e non se fixo.

Dá a sensación de que o ministerio se deixou a negociación para o último momento?
Creo que si. Tivemos un consello consultivo ao que nos convocou o ministro en marzo. Entón, fíxenlle saber que trasladase canto antes unha sentenza que saíu en xaneiro do Tribunal de Xustiza da UE que dicía que, nas decisións que se tomasen para establecer os diferentes TAC e cotas hai que equilibrar os aspectos ambientais cos socioeconómicos, dándolles a estes últimos a importancia que teñen. Á vista deste tribunal había unha descompensación a favor dos ambientais. Nós pedimos ao ministro que trasladase o informe canto antes á Comisión Europea. El comentaba que a Comisión estaba de saída, pero non foi así pois foi ese mesmo equipo o que fixo o informe para negociar os TAC e cotas deste ano. Ese informe tiña que ser trasladado aos responsables da Comisión Europea tendo en conta que viña da man dun tribunal de xustiza. Viñan feitas todas as avaliacións posibles para darlle a razón a aqueles que esiximos que as familias que viven do mar teñen que estar tamén no foco da comisión europea.

Hai recortes e tamén algunha mellora como a que experimentan os topes de captura da merluza en augas ibéricas, o xurelo ao norte de Fisterra, a cigala fronte a Asturias ou o rapante ou a xarda en augas ibéricas. Aínda así, saímos perdendo?
As 40.000 toneladas das que falo saen do cómputo total. En merluza son cerca de 4.200 toneladas menos, sen falar da repercusión económica. O xurelo ábrese de Fisterra cara ao norte, pero polo Atlántico recórtase en 29.000 toneladas, de maneira que facendo o cálculo saen, en conxunto, 22.000 toneladas de capacidade de pesca menos para o ano que vén. Á marxe de que se puidera pescar ou non, imaxinemos que viñera un ano bo e houbese xurelo. A capacidade sería menor pois, polos 7.000 que nos dan arriba, quítannos 29.000 abaixo. No que toca á xarda son 6.000 toneladas menos. Para o lirio son unhas 13.000 menos. É certo que o rapante e o rape melloran, pero son unhas 1.350 toneladas entre as dúas. O documento inicial feito polo anterior equipo do Grupo dos Verdes —por certo, ao que pertence o BNG— case saíu igual logo desta negociación nestes últimos días.

Houbo ocasión de establecer contacto nesta viaxe co novo comisario, co chipriota Costas Kadis?
Tivemos unha videoconferencia hai tres semanas na que o invitamos a vir a Galicia. Cremos que é importante que as persoas vexan os territorios para que se fagan unha idea do que se está a falar. A invitación xa lla cursamos. Doutro lado, parte do sector tivo unha reunión con el e a impresión foi positiva, destacando o seu aspecto humano.

Esperamos que o Tribunal de Luxemburgo lle dea a razón á nosa xente no recurso ao veto á pesca de fondo 

Seguen pendentes do recurso que se presentara contra o veto á pesca de fondo que a Comisión Europea aplicou no 2022. Que agardan?
Acompañamos a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela no recurso que presentou ó Tribunal Xeral da Unión Europea. Queda o dictame. Trátase doutra decisión máis dese comisario do Grupo dos Verdes, unha decisión tomada sin ningún tipo de informes e que foi adoptada para a pesca de palangre, que é unha das máis selectivas que pode haber. Esperemos que o tribunal de Luxemburgo lle dea a razón á nosa xente.

Comentarios