Amancio Ortega ingresa 693 millóns de euros polo dividendo de Inditex

O empresario recibirá este ano un total 1.386 millóns de euros da multinacional un 10,5 % máis que o ano pasado

Amancio Ortega, en una foto en el año 2016. AEP
photo_camera Amancio Ortega, en una foto en el año 2016. aep

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresa este mércores un total de 693 millóns de euros pola primeira retribución do ano que abonará Inditex aos seus accionistas, o que supón a metade do que cobrará en 2018 en dividendos da firma galega.

En concreto, o empresario recibirá este ano 1.386 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, fronte aos 1.256 millóns de euros que percibiu polo mesmo concepto no exercicio 2017.

O consello de administración de Inditex proporá á xunta xeral, que previsiblemente se celebrará o próximo mes de xullo, o pago dun dividendo de 0,75 euros por acción, un 10,3% superior ao do ano anterior.

Desta cantidade, pagaranse 0,375 euros por acción este mércores, en concepto de dividendo ordinario a conta, mentres que o próximo 2 de novembro repartiranse outros 0,375 euros por acción en concepto tanto de dividendo complementario como de dividendo extraordinario.

Ortega é o primeiro accionista do xigante téxtil, cunha participación do 59,294%, equivalente a un paquete de 1.848 millóns de accións.

Pola súa banda, a súa filla Sandra Ortega, que posúe o 5,053% da firma galega, cobrará este ano máis de 118 millóns en dividendos de Inditex, a metade tamén este mércores, fronte aos 107 millóns de euros que percibiu o ano anterior.

Inditex rexistrou un beneficio neto de 3.368 millóns de euros no seu ano fiscal 2017-2018 (do 1 de febreiro de 2017 ao 31 de xaneiro de 2018), o que supón un incremento do 7% respecto ao exercicio anterior.

As vendas do grupo situáronse en 25.336 millóns de euros, un 9% máis, mentres que o resultado bruto de explotación (Ebitda) situouse en 5.277 millóns de euros, fronte aos 5.083 millóns dun ano antes, un 4% máis.

As vendas a tendas comparables creceron un 5%, sobre o crecemento do 10% do exercicio anterior, con crecementos positivos en todas as áreas xeográficas e en todas as cadeas. As vendas a tipo de cambio constante creceron un 10%.

As vendas de compañía a través das súas plataformas online creceron un 41%, o que supón o 10% do total das vendas do grupo e o 12% dos mercados nos que existe tenda online.