Arrestado o presidente de Nissan por supostas irregularidades nas súas finanzas

A compañía confirmou que Carlos Ghosn estaba a ser investigado pola propia empresa "desde hai varios meses"

Foto de arquivo de presidente de Renault-Nissan-Mitsubishi, Carlos Ghosn. EFE
photo_camera Foto de arquivo de presidente de Renault-Nissan-Mitsubishi, Carlos Ghosn. EFE

O máximo directivo de Nissan Motor, Carlos Ghosn, foi detido este luns en Tokio nunha investigación das autoridades xaponesas por supostas irregularidades nas súas finanzas persoais, informou a televisión xaponesa.

A detención foi feita por representantes da fiscalía do distrito de Tokio, segundo a cadea pública NHK e outros medios locais.

Ghosn, de nacionalidade franco-brasileira e tamén presidente da alianza que conforman Nissan, Renault e Mitsubishi Motors, foi interrogado na capital xaponesa por mor dunha investigación iniciada por non declarar presuntamente unha serie de ingresos que recibira.

Nissan anunciou que este luns dará unha rolda de prensa para proporcionar detalles do caso, pero nun comunicado oficial confirmou que Ghosn estaba a ser investigado pola compañía "desde hai varios meses".

Segundo esa nota, as investigacións estaban ligadas a malas "condutas" do seu máximo directivo e doutro alto executivo do grupo, Greg Kelly. 

"A investigación demostrou que durante moitos anos tanto Ghosn como Kelly viñeron reportando cantidades de compensación (financeira) no seu informe á Bolsa de Tokio que eran menores ás cifras reais", engadiu o texto.

"Tamén en relación con Ghosn, descubríronse outros numerosos actos significativos de malas condutas, como a utilización de bens da compañía para uso persoal", accións nas que Kelly tamén estaba presuntamente involucrado, segundo a nota oficial.

Por mor destas denuncias, a dirección do grupo Nissan vai propor ao consello de administración que "destitúa sen demora" a Ghosn e Kelly das súas actuais funcións. 

Comentarios