Bioga incentiva a 30 investigadores para que o seu I+D se transforme en negocio

Santiago de Compostela acolleu este xoves a primeira de catro sesións de traballo vinculadas ao Proxecto Merlin

Participantes no proxecto Merlín. EP
Participantes no proxecto Merlín. EP

Unha trintena de investigadores galegos procedentes das fundacións biomédicas das tres universidades de Galicia e de startups vinculadas á biotecnoloxía participan nos Biotalleres Merlin, organizados polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que pretenden estimular a transferencia ao mercado dos resultados de investigación. 

Santiago de Compostela acolleu este xoves a primeira de catro sesións de traballo vinculadas ao Proxecto Merlin impulsado no marco da Unión Europea e que persegue "cambiar a mentalidade dos investigadores e identificar os produtos ou servizos finais que se poidan desenvolver e chegar ao mercado apoiándose no resultado das súas propias investigacións", segundo Brendan Rowan, socio de BluSpecs, unha das entidades que participa nesta iniciativa.

"Temos que cambiar o chip. Moitas veces os resultados das investigacións quedan no caixón e nós queremos sacalos do caixón e que poidan chegar ao mercado, queremos lograr un resultado final", dixo o experto nun comunicado.

Tamén advirte Rowan que a misión do Programa Merlin "non consiste en converter un investigador nun emprendedor", senón "buscar xente que poida apoiar ao investigador para desenvolver a súa investigación e convertela en negocio. Ensinamos a presentar o valor que ten cada investigación, cada investigador". 

Este xoves participaron na sesión unha trintena de investigadores galegos vinculados ás tres universidades que desexan explotar os resultados de I+D en forma de spin-off, patente ou licenza, e tamén líderes de startups vinculadas á biotecnoloxía en Galicia que queren introducir un novo proceso, servizo ou produto no innovador mercado das ciencias da vida.

O socio de BluSpecs recoñece que a obtención de retorno nos investimentos vinculados á biotecnoloxía "precisan de tempo e paciencia". "O investimento nun proxecto vinculado a algún medicamento precisa de dez anos para comezar a obter un retorno se todo vai segundo o previsto", pero subliña que "hai outros modelos de negocio do sector bio e vinculados a internet das cousas que poden xerar negocio en menos dun ano".

Brendan Rowan bota de menos a visión comercial nos investigadores europeos. "En Estados Unidos pensan máis no mercado", afirma, e sinala neste sentido que o Proxecto Merlin incentiva esa cultura de trasladar as investigacións ao mercado, "atraer o mercado ao laboratorio". 

Comentarios