O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) ditaminou este martes que o acordo de pesca entre a UE e Marrocos é "válido" porque non é aplicable ao Sahara Occidental nin ás augas adxacentes a este, algo que sería contrario ao principio de libre determinación recollido no Dereito internacional.
Isto afecta á frota galega –especialmente Marín, Vigo e Ribeira– e canaria, que desenvolve parcialmente a súa actividade nesas augas.
A sentenza do tribunal con sede en Luxemburgo pronunciouse con respecto ás conclusións previas do avogado xeral, que concluíu en xaneiro que o protocolo non era válido por aplicarse no territorio do Sahara Occidental.
O caso foi elevado á Xustiza Europea polo Tribunal Supremo de Reino Unido ante a denuncia presentada pola Organización Western Sahara Campaing (WSC).
Na sentenza emitida este martes, o TUE declárase en primeiro lugar competente para analizar se os acordos internacionais subscritos pola UE son compatibles cos Tratados e coas normas de Dereito internacional que vinculen á UE.
En segundo lugar, o tribunal estima que incluír o territorio do Sahara Occidental no ámbito de aplicación do acordo quebrantaría determinadas normas do Dereito internacional, en especial o principio de libre determinación.
Posteriormente, o ditame subliña que o acordo unicamente é aplicable ás augas baixo soberanía ou xurisdición de Marrocos, que están limitadas ás adxacentes ao seu territorio e comprendidas no seu mar territorial ou a súa zona económica exclusiva.
Por tanto, a Xustiza europea declara que, dado que o territorio do Sahara Occidental non forma parte do Reino de Marrocos, as augas adxacentes ao Sahara Occidental "non están comprendidas na zona de pesca marroquí".
Tras estas consideracións, o TUE declara que o acordo sobre a celebración e aplicación do acordo de pesca UE-Marrocos e o protocolo que o acompaña son "válidos" porque non se aplican ás augas adxacentes ao territorio do Sahara Occidental.
O protocolo de pesca entre a UE e Rabat entrou en vigor en febreiro de 2007 por un período de catro anos e foi renovado en dúas ocasións, a última en 2013. Os gobernos da UE deron a semana pasada 'luz verde' a iniciar as negociacións con Marrocos para renovar o acordo actual, que expira o 14 de xullo deste ano.
O acordo permite o acceso a augas marroquís a unhas 120 embarcacións comunitarias de once países da UE e España é o Estado membro máis beneficiado. A cambio, o bloque comunitario paga a Rabat 30 millóns de euros ao ano: 16 millóns polo acceso ás augas e 14 millóns para apoiar o sector pesqueiro marroquí.