Doce empresas mostran interese por facerse coas plantas de Alcoa

Conde ve difícil que se concrete ningunha oferta de compra sobre as fábricas se o investidor descoñece o custo enerxético que terá que asumir

Reunión da mesa de seguimento do conflito de Alcoa en Madrid. EP
photo_camera Reunión da mesa de seguimento do conflito de Alcoa en Madrid. EP

O Goberno confirmou este mércores na reunión da mesa de seguimento de Alcoa que recibiu interese de doce empresas para facerse cargo das fábricas de aluminio primario de Avilés e A Coruña, das cales nove asinaron un compromiso de confidencialidade e polo menos tres xa elaboraron un proxecto industrial para as plantas, segundo deu a coñecer o comité avilesino.

Os traballadores mostraron o seu malestar pola lentitude do desenvolvemento do estatuto electrointensivo, que "impide ter un mellor escenario para captar a máis e mellores investidores". O Goberno comunicoulles que espera que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia valide o texto definitivo para aprobalo no consello de ministros do 26 de abril, dous días antes das eleccións xerais. Os traballadores tamén pediron aos representantes gobernamentais que viaxen á sede de Alcoa en Pittsburgh (Estados Unidos) para negociar as condicións do proceso de venda ao "non fiarse" da empresa.

O cadro de persoal pide ao Goberno que tutele o proceso ao non fiarse de Alcoa e teme que os candidatos se movan por intereses especulativos

Á reunión acudiu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen comentou sobre a ducia de interesados nas fábricas que "ese é un debate estéril, unha cortina de fume que non permite albiscar unha solución porque ningún investidor vai presentar unha oferta vinculante" na actual situación, polo que afirmou que o primeiro paso "necesariamente é ter un estatuto e ter unha concreción desde o punto de vista do prezo eléctrico".

Conde sostén que non é realista pensar que se vaian a concretar ofertas mentres os posibles investidores non coñezan os custos enerxéticos que terán que afrontar se asumen a actividade aluminera.

Neste sentido dixo que na reunión non houbo avances. "O Goberno non trasladou ningún tipo de resposta sobre as alegacións presentadas pola Xunta e polas electrointensivas. Estamos no momento de despexar incertezas e pasar á concreción", afirma Conde, quen demanda "maior transparencia e maior compromiso do Goberno para poder concretar o conxunto das medidas que se van aceptar para atopar a solución a Alcoa".

Comentarios