O dono dos Detroit Pistons compra a pesqueira viguesa Iberconsa

É unha das maiores operacións no sector, por una suma próxima aos 550 millóns

Un camión de distribución del Iberconsa. DP
photo_camera Un camión de distribución del Iberconsa. DP

O fondo de capital risco americano Platinum Equity fíxose cunha participación maioritaria do Grupo Ibérica de Conxelados SA (Iberconsa), con sede en Vigo, que estaban en mans do fondo Portobello Capital. Diso informou Platinum este xoves a través dun comunicado na súa web, no que se apunta que "se espera que a transacción se peche no segundo trimestre de 2019". 

Iberconsa é un provedor mundial de produtos do mar conxelados e un dos líderes en España. Os produtos da compañía, que inclúen pescada, lagostino e lura, véndense en máis de 60 países. Ten unha frota propia de 45 embarcacións, que opera principalmente en Arxentina, Namibia e Sudáfrica. Ademais, conta con cinco plantas de procesamiento e catro instalacións de distribución de cámaras frigoríficas. 

Alberto Freire continuará como conselleiro delegado de Iberconsa após a transferencia de propiedade. "Cremos no futuro da nosa empresa e confiamos en que Platinum Equity é o socio adecuado para axudarnos a alcanzar a próxima etapa de crecemento e expansión", asegura. 

Pola súa banda, vendedores e membros do equipo directivo de Iberconsa serán investidores minoritarios. Os termos financeiros da oporación non foron revelados e fontes de Iberconsa consultadas por Europa Press limitáronse a trasladar que esta venda "é unha boa noticia".

Un fondo fundado por Tom Gores, dono dos Pistons
O socio de Platinum Louis Samson destaca que "Iberconsa se estableceu como un líder nos mercados aos que actualmente presta servizo", de forma que "a compañía creceu substancialmente nos últimos anos e pode beneficiarse da experiencia operativa de Platinum para axudar a maximizar os beneficios da súa escala maior". Ademais, ten a intención de facer crecer máis o negocio "a través de novas adquisicións". 

O fondo de investimento Platinum foi fundado en 1995 polo multimillonario e membro da lista Forbes Tom Gores, actual dono da franquía da NBA dos Detroit Pistons. No comunicado, o fondo investidor enmarca esta compra no seu crecente impulso ás adquisicións en Europa o último ano. 

Pola súa banda, Juan Luís Ramírez, socio fundador de Portobello Capital, dixo estar "orgulloso" de "todo o que Iberconsa logrou" durante o tempo que foron accionistas maioritarios da compañía, con expansión da frota e crecemento no mercado. 

Comentarios