"Hai escaseza de carne pola exportación de animais a Marrocos e problemas sanitarios"

Jesús González, presidente do Consello Regulador das IXP de carne de vacún de Galicia, pronto cumprirá 25 anos á fronte de Ternera Gallega, un selo de calidade que bateu o seu récord de vendas e que aspira a abrir máis mercado fóra de Galicia. Entre os retos do sector está dotarse de granxas máis dimensionadas, elevar a aposta polos produtos elaborados e enfrontar o auxe das alternativas vexetais, que González chama "proteína artificial". 
 
Jesús González Vázquez. EP
Jesús González Vázquez. EP

Nunca se comercializara tanta carne baixo o selo de Ternera Gallega como no 2024. Que factores explican ese aumento das vendas?
O ano pasado chegamos a 104.655 canais certificadas e 24.167 toneladas de carne comercializada baixo o amparo da IXP, que significan un aumento de case un 5%. Varios factores explican este crecemento. Por un lado, a forte demanda de carne de tenreira que hai actualmente no mercado español, sobre todo se está recoñecida cunha marca de calidade. Por outro, a axuda directa que a Consellería do Medio Rural lle pagou aos produtores a mediados de 2024 en función dos animais certificados pola IXP. Pero tamén é a consecuencia do esforzo en promoción.

Hai unha situación de escaseza de carne en España. Por que? 
As razóns son varias. Por un lado houbo problemas sanitarios como os provocados pola lingua azul e sobre todo pola enfermidade hemorráxica bovina (EHE), que nuns casos afectaron aos movementos de tenreiros para cebo dentro da Unión Europea, noutros provocaron o sacrificio de vacas e noutros reduciron os índices de fertilidade das nais e causaron abortos. Polo tanto, diminuíu o número de xatos cebados no 2024, pero as súas consecuencias vanse a seguir notando tamén este ano. Por outro, está o incremento da exportación de carne de vacún a países do norte de África, como Arxelia, e sobre todo a exportación de animais vivos a Marrocos, situación que inicialmente afectou máis ás rexións do sur de España, ata provocar un aumento da demanda que se acabou manifestando en Galicia e nas rexións do norte, dando lugar a unha situación de escaseza xeral.

Houbo no sector unha folga de entregas de gando e algúns gandeiros decidiron vender os becerros fóra de Galicia. Con que obxectivos?
Pódese decir que o 2024 foi un ano turbulento desde o punto de vista do mercado. Houbo posturas e decisións preocupantes, quizais motivadas por unha falta de diálogo e transparencia entre as partes que é necesario solucionar. As posturas extremas non axudan ao sector. Detrás de todo está o obxectivo dos gandeiros de obter un mellor prezo polos seus xatos, ata optar por venderllos a quen mellor llos pague. Esta decisión viuse favorecida pola situación de escaseza de carne en España. Pero hai outra cuestión na que pararse: os prezos que paga a distribución en Galicia pola carne de tenreira, xa que moitas veces non gardan concordancia con esa escaseza de produto.

Os prezos que paga a distribución en Galicia pola carne de tenreira moitas veces non gardan concordancia coa escaseza de produto

As granxas seguen a atopar prezos máis altos fóra de Galicia?
A diferenza de prezo entre o que se paga polos xatos en Galicia e no resto de España foi unha situación temporal que xa se equilibrou. A falta de tenreiros no mercado empezouse a manifestar primeiro noutras zonas de España e por iso nas principais mesas de prezos estatais empezaron xa a subir as cotizacións en xullo, cando en Galicia as subidas non comezaron ata mediados de setembro. Ese desfase de 2-3 meses xerou un clima de enfrontamento entre industrias e gandeiros, pero a situación foise equilibrando e agora a mesa de prezos de Ternera Gallega está en liña coas demais estatais. No caso de Ternera Gallega Suprema, a media está por encima. Hai que ser obxectivos: hai décadas que non se daba o bo nivel de prezos actual.

A diferenza de prezos entre o que se paga polos xatos en Galicia e no resto de España foi temporal e a situación equilibrouse

Existe risco de atopar problemas de abastecemento no mercado? 
A escaseza de oferta pode chegar a limitar o abastecemento nos mercados, inclusive no galego, pero de momento o volume de gando cubre a demanda sempre que os tenreiros se paguen debidamente.

Preocupa que entre carne de fóra?
É unha ameaza no horizonte, sobre todo como consecuencia do acordo da UE con Mercosur. Por iso, o Consello Regulador recomenda non deixarse levar por ofertas temporais que poidan provocar o desabastecemento do noso mercado e a perda dos clientes que sempre apostaron por Ternera Gallega, aínda que os gandeiros son libres.

Cal é o gran reto do sector produtor?
Nos próximos anos terá que redimensionarse a nivel produtivo e acadar maior profesionalización para garantir a súa continuidade.

A competencia da proteína vexetal ten ido a máis nos últimos anos. Ata que punto notan o impacto?
Todas as correntes de mercado afectan. A evolución do consumo é sempre un factor clave e a entrada de novos produtos tamén, aínda que haxa moitas dúbidas sobre a súa obtención. É curioso que lle queiran chamar proteína de orixe vexetal. Non sería mellor que se deixaran de eufemismos e lle chamasen proteína artificial? 

Debería valorarse xa a oportunidade de comercializar produtos precociñados para dar máis valor á carne no mercado

A estratexia galega trazada para dinamizar o sector cárnico apunta á necesidade de apostar por produtos elaborados. É posible?
A necesidade de acadar un maior valor engadido é unha realidade ineludible, tamén no caso da carne de vacún, que a industria galega ten que afrontar a curto prazo. Os produtos elaborados ofrecen unha saída comercial para determinadas pezas da canal e contan cunha demanda que crece. Require investir e establecer unha rede comercial áxil, pero hai que velo como unha aposta estratéxica. Incluso se debería valorar xa a oportunidade da comercialización de produtos precociñados. 

Cales son os grandes mercados da carne co selo Ternera Gallega?
O principal é Galicia, onde se consome preto do 60%. No resto de España consómese case un 40%, principalmente na Comunidade Valenciana, Madrid, Cataluña e País Vasco. A exportación suma arredor dun 5%: vai a Alemaña, Luxemburgo, Andorra e Portugal. Un dos obxectivos é incrementar a comercialización fóra de Galicia, primeiro no resto de España pero sen deixar de lado a exportación, principalmente a Centroeuropa.

Comentarios