Naturgy pon en valor os investimentos en Galicia tras o peche de Meirama

Francisco Reynés destaca o investimento de 80 millóns no parque eólico e na planta de gas renovable

Francisco Reynés y Jordi García Tabernero. DP
photo_camera Francisco Reynés y Jordi García Tabernero. DP

O presidente de Naturgy (a antiga Gas Natural Fenosa), Francisco Reynés, concretou este martes que a planta de gas renovable que a compañía estuda construír en Galicia, no marco do plan industrial co que compensará o peche en xuño de 2020 da central térmica de Meirama, producirá catro millóns de metros cúbicos ao ano. 

En canto ao parque eólico anunciado en xaneiro dentro dese mesmo paquete, terá 65 megawatts. En total, o grupo prevé un investimento de 80 millóns de euros.

Reynés aclarou que non hai ningún enfrontamento coa Xunta tras a reacción do Goberno galego ao anuncio do peche da central. "Houbo unha discrepancia" sobre o futuro de Meirama, sinalou para engadir que Naturgy é unha compañía comprometida con Galicia e afirmou que é unha firma galega, española e mundial.

Sobre o peche de Meirama e outras plantas de carbón, Francisco Reynés, asegurou que se farán de forma ordenada cando dispoñan dos permisos e reiterou que se deben a que os prezos do carbón e dos dereitos de CO2 fanas inviables. "Máis triste que unha fábrica parada é unha fábrica que perde diñeiro".

O proxecto do centro de gas renovable en Galicia, que actualmente está en estudo, sairá adiante se é viable economicamente e conta cos permisos necesarios, segundo adiantou Francisco Reynés durante a rolda de prensa previa á xunta de accionistas que se celebra no Ifema.

Nartugy, de acordo coas cifras avanzadas polo seu presidente, destinará a investimentos 2.000 millóns de euros na súa maioría en proxectos de enerxía renovable en España e prevé un beneficio neto de 1.400 millóns de euros e un dividendo de 1,37 euros por acción.

Francisco Reynés afirmou que queren ser fieis ao plan estratéxico aprobado en 2018.

Comentarios