Navantia bota a segunda unidade de buque que se executa para a Armada de Australia

Alberto Núñez Feijóo reclama ao Goberno carga de traballo para o naval 
Botadura de buque militar en Navantia
photo_camera Botadura de buque militar en Navantia

O estaleiro de Navantia Ferrol acolleu na tarde deste venres a botadura do segundo buque do tipo AOR para a Armada de Australia, nun acto onde a contraalmirante retirada Stephanie Moles exerceu como madriña do navío 'Stalwart'

A manobra desenvolveuse segundo os previsto e así á 17,14 horas, coincidindo coa preamar, o buque militar deslizouse pola "cama", nome utilizado neste sector para designar a rampla pola que descendeu o barco na zona da bancada, ata que contactou co mar. 

Neste acto déronse cita o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o presidente da SEPI, Vicente Fernández; a presidenta de Navantia, Susana de Sarriá e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE). 

Pola súa banda, Australia estivo representada pola súa embaixadora, Julie-Ann Guivarra, e o representante da Armada Australiana, o contraalmirante Peter Quinn.

Javier Losada detallou que o Goberno central "está comprometido coa consecución dun novo buque loxístico para a Armada Española"

FEIJÓO RECLAMA Ao GOBERNO CARGA DE TRABALLO. Así, Núñez Feijóo quixo "agradecer a Australia e á súa Armada o confiar en Navantia Ferrol, cuxa persoal cumpre e quedou demostrado cos ata 15 encargos xa executados para este país". 

O presidente da Xunta ha destallado "o bo momento" que vive o sector naval en Galicia. "Estamos a construír ata 55 barcos, sendo líderes do territorio español e sendo o segundo lugar máis importante de Europa en canto a carteira de pedidos, logo de Holanda". 

Deste xeito, o titular do Executivo galego remarca que "o sector privado está a cumprir e agora falta que tamén cumpra o sector público". 

O presidente da Xunta abundou que lle corresponde á SEPI e a Navantia garantir os momentos de incerteza que se abre neste estaleiro, tendo en conta que o contrato con Australia finaliza a principios do próximo ano 2020 e que as fragatas F-110 non se iniciarán ata finais do ano 2021 ou principios do 2022". 

"Dous anos de sombra onde non temos carga de traballo en Ferrol, algo que nos preocupa desde a Xunta"

"Dous anos de sombra onde non temos carga de traballo en Ferrol, algo que nos preocupa desde a Xunta", avisa. Por iso, reclama ao Executivo que preside en funcións Pedro Sánchez "unha proposta concreta para antes de que se inicien as fragatas". 

A preguntas dos medios de comunicación, sobre se sería o proxecto de construción dun buque AOR para a Armada Española a opción barallada pola Xunta, Feijóo asegurou: "Este é un proxecto que pensamos que a Armada Española necesita, do que non é necesario nin un mes para iniciar a súa construción, e por iso si se podería empezar de inmediato e garantir así a carga de traballo". 

Con respecto ao estaleiro de Fene (A Coruña), a antiga Astano, Feijóo avanzou que "parece" que se pode "encarrilar cun contrato de eólica mariña" a concretar "nas próximas semanas", en referencia á construción de ata 62 'jackets' para un parque promovido por Ibredrola na costa de Francia.

UN GOBERNO QUE "CUMPRE". Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou "o cumprimento" da palabra dada polo presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez e manifestou que o proxecto de construír cinco fragatas F-110 para ao Armada Española "permitirá o relanzamento de Navantia Ferrol". 

Respecto diso, recorda o compromiso de investir "4.325 millóns de euros e xerar preto de 10.000 empregos durante o próximo decenio". Ademais, incide en que a empresa naval pública "empeza xa a súa modernización con 160 millóns de euros de investimento para a transformación dixital da empresa, o que xerará máis de 600 empregos nos próximos cinco anos, a maioría en empresas da zona". 

Así mesmo, Javier Losada detallou que o Goberno central "está comprometido coa consecución dun novo buque loxístico para a Armada Española". 

Comentarios