martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

A pensión media sobe un 3,9% en outubro en Galicia e sitúase en 811,85 euros 

Protesta de pensionistas este viernes en A Coruña. EP
Protesta de pensionistas este venres na Coruña. EP

É a segunda máis baixa de España, despois de Estremadura

A pensión media en Galicia sitúase en 811,85 euros en outubro, cun crecemento do 3,9% en relación co mesmo mes de 2017, segundo datos publicados este venres polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) do Ministerio de Traballo. 

En concreto, o número de pensións en Galicia situouse en outubro en 763.198, o que representa un incremento do 0,4% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. 

Do total de pensións, 297.065 corresponden á provincia da Coruña, cun desembolso medio de 854,81 euros; 240.549 á de Pontevedra, cunha media de 853,11 euros; 116.928 á de Lugo, con 721,36 euros de media; e 108.656 á de Ourense, con 700,39 euros. 

Do total de pensións en Galicia, 476.031 son de xubilación, cun importe medio de 923,72 euros; 187.111, de viuvez, cunha media de 575,04 euros; 69.973 de incapacidade permanente, con 856,55 euros de media; 23.601 de orfandade, cunha media de 387,05 euros; e 6.482 a favor de familiares, cunha media 496,19 euros. 

A pensión media de Galicia sitúase como a segunda máis baixa de España, despois de Estremadura, que conta cunha media de 796,73 euros, segundo os datos da Seguridade Social.

DATOS NACIONAIS. A nivel nacional, a Seguridade Social destinou neste mes de outubroa cifra record de 9.256,7 millóns de euros ao pago das pensións contributivas, un 4,81% máis que no mesmo mes de 2017. 

Esta taxa de crecemento é similar á que se rexistrou nos dous últimos meses. O pasado agosto, as contías derivadas da subida das pensións contemplada nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 consolidáronse en nómina. 

O gasto en pensións contributivas viña crecendo a un ritmo próximo ou superior ao 3%. Hai que remontarse aos anos 2013, 2012 e 2011 para atopar unha taxa interanual de gasto en pensións superior ao 4%. 

Os Orzamentos, que entraron en vigor en xullo, contemplaban un aumento do 3% para as pensións mínimas, do 1,6% para o resto de pensións e a ampliación da base reguladora das pensións de viuvez para quen non perciban outra pensión pública do 52% ao 56%.

MÁIS DE 9,65 MILLÓNS DE PENSIONISTAS. O número de pensións avanzou en outubro un 1,1% respecto ao mesmo mes de 2017, até 9.656.942 pensións, nova marca do sistema. En termos mensuais, o número de pensións incrementouse en 10.538 respecto ao mes de setembro de 2017, un 0,1% máis. 

Aínda que a taxa de crecemento interanual do número de pensións non é das máis altas dentro na serie histórica da última década, con ela xa se acumulan 33 meses consecutivos de crecementos superiores ao 1%.

A PENSIÓN MEDIA DE XUBILACIÓN SOBE UN 3,4%. A subida adicional das pensións para 2018 recollida en Orzamentos tamén impulsou á alza a contía das prestacións, que desde o pasado mes de agosto reflicten un ritmo máis elevado de crecementos interanuais en comparación cos meses anteriores. 

Así, a pensión media de xubilación situouse ao comezo do presente mes en 1.104,73 euros mensuais, un 3,4% máis que en igual mes de 2017. Traballo destacou que as novas altas de xubilacións, con datos esta vez a setembro, recollen unha contía media de 1.355,6 euros mensuais. 

Pola súa banda, a pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares) situouse en outubro en 958,56 euros mensuais, o que supón un aumento interanual de case o 3,7%. 
 

A pensión media sobe un 3,9% en outubro en Galicia e sitúase en...
Comentarios