O PIB galego crece un 3,7% interanual en xaneiro, segundo o indicador de Abanca-Foro Económico

Este dato, segundo os encargados do informe, mostra a "a inercia positiva coa que arrinca o ano"

Contenedores en el Puerto de Vigo. GONZALO GARCÍA
photo_camera As exportacións tiran da economía galega. GONZALO GARCÍA

O indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica experimentou un crecemento interanual do 3,7% no mes de xaneiro, segundo informa o Foro Económico de Galicia. 

Esta cifra supón un lixeiro incremento (dunha décima) con respecto ao crecemento experimentado o mes anterior. En termos intertrimestrais, o crecemento da actividade económica galega no último trimestre (novembro 2017- xaneiro 2018) mantense "estable" no 0,9%, segundo apunta. 

Este primeiro dato do indicador para 2018 confirma, a xuízo de Foro Económico de Galicia, "a inercia positiva coa que arrinca o ano". "A economía galega evoluciona a unha velocidade semellante coa que terminamos 2017", sinala. 

En termos interanuais, a variable recollida no indicador que experimenta un maior crecemento é a das exportacións. Outras cun comportamento destacable son a superficie de novas vivendas, a matriculación de turismos e o transporte de pasaxeiros. 

O indicador está elaborado polo equipo de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia. Para a súa confección se parte da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos. 

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores do tres universidades galegas, empresarios e directivos e xornalistas especializados en divulgación económica. 

Comentarios