
A vivenda experimenta o maior aumento ao longo do ano (+2,4%), mentres baixan lecer e transportes
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) pechou 2018 en Galicia cunha subida do 1% respecto ao ano anterior, segundo os datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estadística (Ine).
Deste xeito, os prezos moderáronse na parte final do ano, xa que baixaron 0,7 puntos en decembro en Galicia respecto ao mes de novembro. O 2018 termina así cun aumento do IPC en Galicia (+1%) lixeiramente inferior ao da media española (+1,2%), nun incremento xeneralizado nas comunidades.
Os prezos moderáronse na parte final do ano polo descenso dos carburantes
O Ine atribuíu a caída da taxa interanual do IPC de decembro ao descenso dos prezos dos carburantes, do gasóleo para calefacción e dos servizos de aloxamento.
En evolución entre o peche de 2018 e de 2017, o maior aumento de prezos en Galicia prodúcese en vivenda (2,4%), comunicacións (2,2%) e hoteis, cafés e restaurantes (+2%). Soben bebidas alcohólicas e tabaco (+1,6%), alimentos (+1,4%) e medicamentos (1,1%),entre outros. Tan só baixan o lecer e cultura (-0,6%) e os transportes (-0,4%).
Na comparativa de decembro con novembro, hai unha baixada xeneralizada que lidera o transporte (-2,9%), seguido de vestido e calzado (-2,5%). No outro extremo, hai un incremento de lecer e cultura (+1,2%).
A inflación subxacente, que non inclúe os prezos dos produtos enerxéticos nin dos alimentos non elaborados, mantívose en decembro no 0,9%, co que se sitúa tres décimas por baixo da do IPC xeral.