Seijas pide frear os "descontos continuos" tras un "mal" comezo de ano para o comercio galego

O presidente da Federación Galega de Comercio defende que as vendas foron "moi frouxas" no primeiro trimestre porque os consumidores "xa non saben a que aterse"

Un establecemento comercial na campaña de rebaixas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dous clientes comproban unha prenda nas rebaixas de xaneiro.FERNANDO ALVARADO (Efe)

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, recoñeceu que o ano comezou "moi mal" para os comerciantes galegos, porque o primeiro trimestre coincide practicamente co período de rebaixas de inverno e este ano foron "moi frouxiñas".

En declaracións a EFE, Seijas considera que este mal arranque "é consecuencia dos descontos continuos" no sector do comercio, de modo que "as rebaixas duran desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro" e os consumidores "xa non saben a que aterse".

De feito, confirmou que a Federación Galega de Comercio, a través da confederación española, está "a traballar en Madrid" para sensibilizar á clase política da necesidade de volver "controlar as rebaixas".

Por outra banda, afirmou que o sector do comercio tamén está "a pagar as consecuencias" da inestabilidade política que está a vivir o país, porque "as vendas van ben cando hai confianza e o consumidor está tranquilo".

Neste momento, precisou, "hoxe é negro, mañá gris e pasadomañá doutra cor", "Non se sabe o que vai ocorrer e iso nótase moitísimo", resolveu. 

Comentarios