Francisco Carballada, alergólogo: "É importante evitar a exposición ao pole usando gafas e FFP2"
Di o refrán que a primavera o sangue altera, pero o certo é que esta estación na que agroman as flores —que comezou onte ás 15.46 da tarde— tamén pon a proba aos alérxicos. Espirros, picores, dificultade para respirar, conxestión nasal e ollos chorosos e vermellentos son algúns dos síntomas cos que teñen que convivir día a día. O monfortino Francisco Carballada, xefe do servizo de alergoloxía do Hula e especialista con máis de trinta anos de experiencia ás súas costas, asegura que este ano os niveis de pole serán intenso e chama a extremar as precaucións.
¿Cómo se presenta esta tempada de alerxias primaverais?
O comité científico da Sociedade Española de Alergoloxía e de Inmunoloxía Clínica considera que a carga de pole vai ser moi alta porque en inverno e outono choveu moito e, por tanto, creceron as gramíneas, as malezas e tamén aumentou o pole das árbores. Por culpa do cambio climático, a polinización é cada vez máis forte e a carga de pole é cada vez maior. Isto provoca que se alongue a temporada e que as persoas alérxicas teñan cada vez máis síntomas.
¿Cales son as datas críticas?
Entre marzo e maio comeza a haber unha forte polinización de árbores [piñeiros, salgueiros, chopos], de betuláceas [bidueiros, aveleiros e amieiros] e de cupresáceas [cipreses]. Despois, de maio a agosto, empezan as gramíneas (trigo, millo, centeo, espigas bravas, carrizos, dáctilos] e as urticáceas [estrugas e parietarias].
" A polinización é cada vez máis forte e a carga de pole é cada vez maior"
¿A que se refire cando di que a sintomatoloxía é maior agora?
Os pacientes alérxicos sofren máis porque a polinización se estende e a súa exposición ao pole increméntase máis que antes. A intensidade dos síntomas varía dependendo dos gramos de pole por metro cúbico de aire e, sobre todo, da calor e do vento que haxa. Hai días que os niveis poden chegar aos 300 ou 1.000 gramos por metro cúbico. Canto maior sexa esta concentración, máis intensos van ser os síntomas.
¿Na actualidade hai máis persoas alérxicas que fai uns anos?
Si. O número de persoas alérxicas está a aumentar pouco a pouco pola exposición que provoca o cambio climático. Este, ademais de elevar o nivel do pole, fai que haxa máis proteínas de defensa nos alimentos de orixe vexetal.
¿Sofren máis as persoas que viven nas cidades ou as do rural?
É un tema relativo. Os pacientes van ter síntomas segundo o nivel que haxa de pole por metro cúbico de aire. A concentración pode variar dunha aldea en Lugo a unha cidade en Andalucía ou Extremadura; nesta última, os síntomas serán máis intensos debido á maior presenza de pole.
"O número de persoas alérxicas está a aumentar pouco a pouco pola exposición que provoca o cambio climático"
¿Qué consellos lle daría aos pacientes para paliar os efectos do pole?
O máis importante é evitar a exposiciónao pole. Deberían de empregar gafas de sol e, nos días de máis vento e calor, utilizar mascarillas FFP2. Cando viaxen en coche, ademáis, é recomendable ir coas ventás pechadas.
¿Cales son os tratamentos en caso de sufrir un episodio alérxico?
Se queren minimizar os síntomas, animo á xente a acudir aos seus médicos de familia. Por un lado están as vacunas antialérxicas e, por outro, os medicamentos antihistamínicos. As primeiras son inmunoterapias que axudan a que a exposición sexa menor. Os segundos, xunto co spray nasal, serven para aliviar os síntomas.