O xuízo á antiga cúpula de Pescanova por maquillar as contas empezará o 2 de decembro

O expresidente da entidade afronta 28 anos de cárcere e unha multa superior aos 22 millóns de euros 
 

Manuel Fernández de Sousa en una imagen de archivo. AEP
photo_camera Manuel Fernández de Sousa en una imagen de archivo. AEP

A Sección Cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional xulgará á antiga cúpula de Pescanova por maquillar as contas a partir do 2 de decembro, coa perspectiva de que se celebren máis de 40 sesións e o procedemento quede visto para sentenza en marzo de 2020, tal e como especifica o auto de sinalamento de xuízo oral ao que tivo acceso Europa Press. 

Así, a partir do día 2 de decembro sentarán no banco o expresidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, o seu fillo Pablo Javier Fernández Andrade e outras 17 persoas acusadas de maquillar os estados financeiros da compañía entre os anos 2009 e 2012 co obxectivo de ocultar as perdas millonarias que a acabaron abocando a un concurso de acredores. 

A investigación iniciouse no ano 2013 e correu a cargo do xulgado central de instrución número 5, cuxo actual titular, José de la Mata, pechou as pescudas en xuño de 2018 e propuxo xulgar a 19 exaltos cargos da pesqueira e 12 sociedades por presuntos delitos de falseamento de contas anuais, falseamento de información económica e financeira, falsidade en documento mercantil, estafa, insolvencia punible, alzamento de bens, delito de uso de información privilexiada e de impedimento da actuación do organismo supervisor. 

A Fiscalía pide para o expresidente de Pescanova 28 anos de cárcere e multa superior aos 22 millóns euros; 13 anos e medio con multa de 504.000 euros para o seu fillo, e para o que fose conselleiro delegado Alfonso Paz Andrade, 12 anos e seis meses de cárcere e multa de máis de 5 millóns de euros por estes feitos. 

Mentres, para a empresa matriz a acusación solicita unha multa superior aos 348 millóns de euros polos delitos de falseamento de información económica, estafa e insolvencia punible, mentres a auditora BDO afronta 45 millóns de euros en concepto de responsabilidade civil e subsidiariamente respecto do seu socio auditor Santiago Sañé Figueras, 161 millóns de euros.

BENEFICIOS DE 15 MILLÓNS MENTRES PERDÍAN 223. Conforme explicaba De la Mata no auto de apertura de xuízo oral, as contas anuais da pesqueira en 2010 e 2011 non se correspondían coa realidade da situación económica e financeira da sociedade e o seu grupo. Por exercicios, no ano 2010 o grupo declarou un resultado de 15.448.000 euros cando en realidade o importe real era de -222.910.000 euros, mentres que un ano despois, declaráronse uns beneficios superiores aos 16 millóns de euros aínda que as perdas roldaban os 300.000 euros. 

"A situación motivou que Pescanova, en lugar de presentar a situación real, decise alterar os estados financeiros que periodicamente presentaba ao mercado, mediante determinadas prácticas contables irregulares, co fin de que as consecuencias económicas derivadas desas operacións comerciais irregulares non quedasen rexistradas na súa contabilidade, nin aflorasen nas súas contas anuais, nin nos informes e documentos que viñan obrigados a presentar na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV)", rezaba o auto. 

No que respecta á operativa de ampliación de capital da vella Pescanova, o maxistrado explicaba que o Consello de Administración da pesqueira aprobou a emisión de 9.290.464 novas accións por preto de 125 millóns de euros "utilizando unha vez máis para convencer a futuros investidores a información financeira de contido falso que viñan tempo facendo pública". 

Un ano despois, a multinacional suspendeu a cotización a Bolsa, tras detectarse irregularidades na súa contabilidade. Ése foi o punto de inicio dun longo proceso, que incluíu un concurso de acredores, e que desembocou na refundación da empresa, agora en mans da banca como Nova Pescanova, separada e enfrontada xudicialmente coa vella Pescanova (convertida nunha mera sociedade de carteira).

Comentarios